Skip to main content

O proxecto Coperia traballa na creación dunha plataforma baseada en intelixencia artificial de apoio a doentes con covid persistente

Estes son algúns dos datos que manexa e xustifican o proxecto Coperia, posto en marcha o pasado ano para apoiar a estes pacientes mediante a creación dunha plataforma baseada en intelixencia artificial. A iniciativa, na que participan varios grupos de investigación da Universidade de Vigo, foi presentada este mércores no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Coperia está “orientado ao desenvolvemento e validación clínica dunha plataforma multidisciplinar e integral baseada en intelixencia artificial para o diagnóstico, empoderamento, rehabilitación holística e personalizada, así como a xestión clínica de doentes afectados por covid persistente”. O consorcio do proxecto está formado por Bahía Software, 10 METS, Imaxin Software, a Fundación Biomédica Galicia Sur e, por parte da Universidade de Vigo, o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), do campus de Vigo, e o Laboratorio de Informática Aplicada (LIA2), do campus de Ourense, liderando esta participación académica Carmen García Mateo, Laura Docío e Xosé Antón Vila. Na presentación da iniciativa, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou que a iniciativa conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, coa implicación da Axencia Galega de Innovación, co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

O conselleiro remarcou na presentación do proxecto que se trata dunha iniciativa “moi potente a nivel sanitario, pero tamén tecnolóxico, xa que reflicte a implicación de diversas empresas do sector, que contribúen a xerar retorno no tecido empresarial”. Para o máximo responsable do Sergas, “é un traballo novidoso, pioneiro en Galicia, e que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras”. Segundo remarcou o conselleiro no acto, ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, “as secuelas da covid supoñen un desafío ao que temos que facer fronte, e este proxecto servirá de estímulo para seguir avanzando na súa abordaxe”.

Retos sanitarios e tecnolóxicos

As pemes e organismos de investigación implicados en Coperia, cuxo investigador principal é o doutor Alejando García, traballan para desenvolver unha plataforma que permita o cribado de pacientes con covid persistente; axudar aos pacientes a anticipar brotes de síntomas incapacitantes; potenciar e desenvolver novas ferramentas de rehabilitación personalizadas, e facilitar a xestión diaria dos pacientes por parte das e dos profesionais. O proxecto foi presentado a nivel de servizos centrais do Sergas e desenvolvido en colaboración cos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde xa está en marcha o recrutamento de pacientes a través da súa unidade de covid persistente.

A nivel tecnolóxico, Coperia, sinalan os seus promotores, combina varias tecnoloxías prioritarias para o desenvolvemento de Galicia asociadas ao sector TIC e biotecnolóxico. Así, recóllese no proxecto, “impúlsase un enfoque multidisciplinar e innovador, no que se traballará con pacientes reais para combinar datos proteómicos, datos de voz, datos de factores cardíacos, condutividade cutánea e avaliación cognitiva. É unha hipótese de traballo holística, completamente disruptiva e baseada na intelixencia artificial”. Nesta iniciativa, a I+D céntrase “en modelos de algoritmos de aprendizaxe automática e modelos probabilísticos de pequenos conxuntos de datos. Debido á complexidade dos datos, as técnicas de hiperintelixencia artificial tamén serán necesarias para predicir, recomendar e axudar aos pacientes”.

Segundo recalcou o conselleiro, Coperia promove o empoderamento dos pacientes con covid persistente “a través de ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”. Entre estas ferramentas destacou o uso de xogos que maximizan o seu adestramento, no tocante á rehabilitación cognitiva. Tamén subliñou un sistema innovador que contribúe á monitoraxe en remoto, de cara á rehabilitación física, evitando en moitas ocasións desprazamentos ao centro hospitalario.
Universidade de Vigo