Skip to main content

Identifican na USC un novo marcador que podería predicir o avance do cancro de mama

O equipo da doutora Costa, no laboratorio da unidade Mixta Roche-CHUS, identificou unha proteína cuxos niveis son máis elevados nos pacientes con cancro de mama avanzado ou metastásico. Isto pode sentar as bases para saber se a enfermidade está a avanzar, estudando os glóbulos vermellos que se obteñen nunha análise de sangue convencional. Recentemente coñeceuse que os glóbulos vermellos, aos que tradicionalmente se relacionou unicamente como transportadores de osíxeno, teñen outras funcións adicionais como células reguladoras na circulación. Con este estudo os investigadores demostran que poderían ser ademais marcadores útiles en oncoloxía.

Así, analizáronse mostras de sangue de pacientes con cancro de mama en distintos estadios e doantes sen enfermidade, recollidas no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Estudouse a composición de proteínas dos glóbulos vermellos mediante técnicas de proteómica, o que permitiu identificar un potencial biomarcador de diagnóstico de enfermidade metastásica. Os resultados deste traballo, protexidos por unha patente, poderían ter unha importante aplicación clínica, xa que a metástase é a principal causa de morte por cancro e é de vital importancia detectala canto antes.

Os glóbulos vermellos ou eritrocitos son as células máis abundantes no sangue e a súa obtención é sinxela, o que permite analizar mostras en distintos momentos da enfermidade. Esta investigación levouse a cabo na Unidade Mixta Roche-Chus, iniciativa colaborativa entre a empresa Roche Farma e o grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), dirixida por Rafael López, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico de Santiago. Participaron ademais o Servizo de Xinecoloxía, a Unidade de Proteómica do IDIS e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). O traballo foi financiado pola Axencia Galega de Innovación, Roche Farma e a Asociación Española Contra o Cancro. 
Universidade de Santiago de Compostela (USC)