Skip to main content

Educación investirá máis de 630.000 € en melloras nos centros educativos de Lousame, Noia e Outes

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 635.226 euros a realizar diversas melloras nos centros educativos de Lousame, Noia e Outes. Así o anunciou o titular deste departamento, Celso Currás Fernández, no transcurso dunha visita a estas localidades coruñesas.

No concello de Lousame, Currás achegouse ao CPI “Cernadas de Castro”, onde constatou a necesidade de ampliar o comedor. O conselleiro comprometeuse a realizar esta ampliación, para a que se destinarán 145.563 euros.

Pola súa banda, en Noia, o conselleiro visitou os centros de Educación Infantil e Primaria “Felipe de Castro” e “Rodríguez Cadarso”, nos que se van investir un total de 419.663 euros. No primeiro colexio estase a arranxar a fachada e se vai poñer un ascensor, por un importe de 134.300 euros. No “Rodríguez Cadarso” as melloras consistirán na cubrición da pista deportiva e na construción de vestiarios, o que lle custará á consellería 285.363 euros.

Así mesmo, no concello de Outes, o conselleiro visitou os CEIP’s “Serra de Outes” e “Emilio Navasqüés” e o IES “Poeta Añón”. No primeiro, anunciou que se arranxarán a cuberta e os aseos de profesores, o que custará 25.000 euros. No segundo, vanse reparar as fendas, para o que se destinarán 15.000 euros. Ademais, tamén se repararán os canlóns e se mellorará a ventilación do ximnasio do IES “Poeta Añón” por un importe de 30.000 euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia