Skip to main content

Aclaración en relación á información publicada o 15-04-05 sobre a denuncia do BNG en relación ao programa Labora

A finalidade última deste programa non é a creación directa de emprego, senón rachar os atrancos con que se atopan os xoves para acceder a un posto de traballo, isto é a falta de experiencia laboral. O programa pretende facilitar aos mozos e mozas galegas unha primeira oportunidade de adquirir experiencia laboral que lles permita a mellora da súa empregabilidade e, finalmente, a súa incorporación definitiva ao mercado de traballo.

No tempo transcorrido desde a súa posta en funcionamento preto de 20.000 atoparon xa está oportunidade de adquirir experiencia laboral grazas ás distintas medidas instauradas pola Xunta de Galicia.

A mellor avaliación que se pode realizar do programa vén dada pola favorable acollida que ten entre a xuventude, reflectida nos datos expostos, deixando ao marxe críticas, sen dúbida electoralistas, que se poidan realizar.

Polo que se refire á valoración cualitativa do programa, os resultados da analise da inserción laboral dos participantes no programa unha vez rematada a súa participación no mesmo reflicten que preto dun 60% dos beneficiarios atoparon un traballo.

Isto quere dicir que máis da metade dos beneficiarios do programa no ano 2002 lograron a súa integración no mercado de traballo (acadaron un contrato de traballo con posterioridade ó remate do contrato Labora).

Cómpre ademais lembrar que de cara a mellorar este programa e adaptalo á realidade do mercado laboral, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais reforzou o pasado ano o Labora de cara ao ámbito empresarial.

Desde o Goberno galego darase cumprida resposta a esta interpelación no seo do Parlamento galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia