Skip to main content

O grupo de investigación da UDC ECRIM intégrase nun proxecto internacional para combater con intelixencia artificial o tráfico ilícito de bens culturais

Este é o consorcio no que se integra o equipo de investigación da Universidade da Coruña Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM), que participa en RITHMS (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security), un proxecto financiado pola Unión Europea. O obxectivo de RITHMS é mellorar, con axuda das tecnoloxías máis innovadoras, a capacidade operativa das forzas policiais e as autoridades aduaneiras e fronteirizas para facer fronte ao tráfico ilícito de bens culturais, á vez que se investigan os mecanismos que subxacen a este fenómeno. Está coordinado polo Istituto Italiano dei Tecnologia (IIT).

O tráfico ilícito de bens culturais pasou de ser un fenómeno local, limitado á iniciativa duns poucos individuos, a converterse nunha actividade altamente organizada, fonte de ingresos moi rendible para organizacións delituosas e grupos terroristas que aproveitaron as oportunidades que ofrecen a web e as redes sociais para ampliar aínda máis un mercado que xa estaba a prosperar. Neste contexto, RITHMS propón un enfoque interdisciplinario, necesario tamén polo carácter transnacional deste tipo de delincuencia, que incluirá desde análise do mercado da arte ata análises criminolóxicas, pasando por estudos xurídicos e forenses. O obxectivo é o desenvolvemento dunha plataforma baseada en intelixencia artificial que permita identificar redes de delincuencia organizada e proporcione aos investigadores información valiosa sobre a súa actividade e posible evolución. En particular, a plataforma explotará o potencial da Análise de Redes Sociais (ARS), unha metodoloxía que permite comprender mellor o comportamento das persoas implicadas no tráfico ilícito a través das súas reaccións e interaccións en liña.

O proxecto recibiu un financiamento de cinco millóns de euros da Unión Europea, con cargo ao Programa de Investigación e Innovación Horizonte Europa. A coordinadora do proxecto é Arianna Traviglia, Directora do Centro de Tecnoloxía do Patrimonio Cultural do IIT en Venecia (Italia).

“O amplo Consorcio garantirá que o proxecto RITHMS se beneficie dun espectro articulado de coñecementos -explica Arianna Traviglia- contando con socios especializados tanto en tecnoloxías da información como en ciencias xurídicas e culturais. Ademais, a participación dun grupo tan variado de organismos encargados da aplicación da lei, procedentes de distintos países, permitirá asentar a plataforma dixital RITHMS sobre información procesual e xurídica sólida e detallada, e adaptar e validar as súas funcionalidades a nivel supranacional”.

O equipo da UDC, liderado pola catedrática Patricia Faraldo, vai encargarse das análises criminolóxicas sobre esta tipoloxía de tráfico ilícito, así como de supervisar os aspectos ético-sociais que implica a utilización dunha intelixencia artificial para a investigación criminal.

A lista de socios inclúe: Istituto Italiano dei Tecnologia (Italia, coordinador); StAG srl (Italia); VTT - Technical Research Centre of Finland (Finlandia); European Software Institute - Central Eastern Europe (Bulgaria); RiniGARD DOO ZA USLUGE (Croacia); Houston Analytics (Finlandia); BEIA Consult International srl (Romanía); SatCen - European Union Satellite Centre (España); Universidade da Coruña (España); Hochschule für dean öffentlichen Dienst in Bayern (Alemaña); European Institute Foundation (Bulgaria); o Comando dos Carabinieri para a Tutela do Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa italiano; a Brigada de Patrimonio Histórico da Policía Nacional española; a Policía Nacional dos Países Baixos; a Policía de Fronteiras de Bulgaria; a Policía de Moldavia; a Policía de Fronteiras de Bosnia e Hercegovina. Tamén participa como entidade afiliada a asociación Art Crime Project-APS (Italia), e Conceptivity sarl (Suíza) como asociado.
Universidade da Coruña