Skip to main content

O Meteorito de Traspena xa pode visitarse no Museo de Historia Natural

Foi presentado nun acto presidido polo reitor Antonio López e que contou coa participación do vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; do director do MHN, Marcos A. González González; do director do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC, José A. Docobo Durántez; e do profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, Manuel Andrade Baliño. 

O acto serviu para dar conta da investigación liderada dende a Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, e na que se botou man de novos métodos e modelos matemáticos, para determinar tanto a órbita heliocéntrica previa ao impacto, e as posibles asociacións dinámicas con outros obxectos próximos da Terra, como a traxectoria atmosférica deste asteroide e a súa caída como meteorito. Nestes cálculos utilizáronse as medidas astrométricas obtidas coas cámaras de detección de bólidos e meteoros que a USC ten no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA), no Campus de Compostela, e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, en Lugo. Ademais, tamén foron cruciais as gravacións casuais de particulares en diferentes lugares de Galicia e Castela e León cuxa calibración, incluídas medicións in situ realizadas con teodolito, correu a cargo dos membros do OARMA, o profesor José Á. Docobo e o investigador Pedro P. Campo. "Para calcular boas órbitas son necesarios moi bos datos de observación", apuntou Docobo. Na súa intervención, o director do Observatorio salientou que o condrito é “100% galego, non só porque toda a traxectoria do bólido tivo lugar sobre a provincia de Lugo, senón tamén porque o meteorito correspondente se atopou en Baralla e ademais porque, sorprendentemente, unha das caras da pedra lembra un mapa de Galicia a trazos e outra o mapa do antigo reino de Gallaecia”.

O profesor Manuel Andrade, responsable científico do estudo, explicou con detalle a investigación desenvolvida e salientou a singularidade deste fenómeno que permitiu non só recuperar este fragmento de asteroide senón acometer unha análise detallada da súa natureza e composición e determinar con exactitude a súa traxectoria.

Traxectoria atmosférica

A traxectoria atmosférica deste asteroide foi moi próxima á vertical, cun ángulo de entrada con respecto á superficie da Terra de 77◦, penetrando moi profundamente até chegar, xa fragmentado e cunha velocidade de 2,4 km/s, a só uns 15,7 km de altura, punto no cal a ablación cesou e os diversos fragmentos deixaron de ser visibles. A investigación estima que o brillo deste superbólido chegou a ser, como mínimo, unhas 50 veces superior ao da lúa chea. Ademais, o estrondo sónico orixinado pola onda de choque que se formou debido á entrada do asteroide na atmosfera a velocidades hipersónicas alertou á veciñanza das comarcas de Sarria, Os Ancares, Terra de Lemos, Quiroga e do Bierzo. 

Localización dos fragmentos

Os cálculos preliminares realizados na EPS de Enxeñaría o mesmo día do evento xa indicaban que era moi probable que algún fragmento do asteroide tivese sobrevivido á intensa ablación e continuado, xa na fase denominada voo escuro, até impactar contra o chan moi preto de Lebruxo (Baralla). Axiña se organizou un equipo de busca de posibles meteoritos formado polo profesorado do Departamento de Matemática Aplicada do Campus de Lugo. Os membros do OARMA involucrados na investigación, ademais doutras persoas, tamén participaron en varias das xornadas de busca nesta zona de complicada orografía. Finalmente, sería un veciño de Lebruxo quen dous meses despois atoparía no lugar de Traspena (parroquia de Covas, Baralla) un meteorito de 527 gramos. A investigación conclúe, no entanto, que poderían ter caído máis fragmentos en dúas localizacións moi próximas ao río Neira.

A análise do único meteorito recuperado realizouse en diversos laboratorios españois cunha amálgama de técnicas microscópicas, espectroscópicas e magnéticas que permitiron un estudo detallado da súa natureza e composición. Esta parte da investigación, que foi dirixida polos profesores Jordi Llorca da Universitat Politècnica de Catalunya e Javier García Guinea do Museo Nacional de Ciencias Naturales (CSIC), permitiu determinar que o meteorito de Traspena pertence á familia dos condritos ordinarios, subgrupo L5. Este é un tipo común de meteoritos, procedentes do cinto de asteroides situado entre Marte e Xúpiter, que conteñen tanto partículas de silicatos como partículas metálicas e cuxo estudo permite obter información moi valiosa sobre a orixe e evolución do noso sistema planetario. 

Un fito na astronomía autonómica e estatal

A singularidade do meteorito de Traspena reside precisamente en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico. Ademais, constitúe un fito, tanto na astronomía galega, xa que é a primeira caída ben documentada dun meteorito en Galicia, como na española, pois é a primeira vez que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan integramente por investigadores españois, concretamente da USC. Da excepcionalidade do evento tamén dá conta o feito de que a entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos (cada 35 anos na totalidade da Península Ibérica). En calquera caso, nin sempre é posible realizar un estudo tan detallado como este nin, moito menos, recuperar algún meteorito.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)