Skip to main content

Arranca Inspira STEAM, o programa para espertar vocacións científicas entre o estudantado galego

Esta nova edición dá comezo cunha xornada formativa en liña destinada a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida polo coach, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas, Ander Mimenza Aurrecoechea.

A fase formativa completarase con seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario da provincia da Coruña co obxectivo de facilitarlle ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, poñer en valor as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e dos nenos.

Esta edición do programa tamén contará coa colaboración da cátedra NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

STEAM: formación en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas con enfoque práctico

Dada a súa utilidade na vida cotiá, espertar o interese entre os máis novos polas profesións STEAM (das siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) é un dos obxectivos estratéxicos do CITIC da UDC. Programas de estudos, sesións informativo-formativas e sinerxías con iniciativas desta índole son parte esencial do seu plan de acción.

Nesta ocasión, a investigadora do Centro Verónica Bolón, especialista en intelixencia artificial, colabora co programa que levará a diversos centros de ensino primario da provincia da Coruña as claves das disciplinas STEAM. Facelas interesantes, atractivas e achegar a súas múltiples aplicacións no desenvolvemento de diversos traballos na vida cotiá é unha das finalidades desta iniciativa. Transmitir un coñecemento transversal dos contidos e buscar un enfoque práctico seguindo o pensamento científico é tamén fundamental. O programa busca, en definitiva, asentar as materias STEAM como eixo educativo en termos de igualdade de xénero e, ademais, salvar a barreira de asociar estas materias cunha maior dificultade con respecto ás de humanidades.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Universidade da Coruña