Skip to main content

Entregados os Premios Youtubeiras 2022 para o fomento da creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos

Durante a gala celebrada en Carballo, que foi conducida pola actriz Cristina Collazo e contou coa actuación musical de LaMontagne e PicoAmperio, entregáronse os oito galardóns que conformaron os Premios Youtubeiras nesta sexta convocatoria. En total, repartíronse 7.500 euros en premios e cada persoa gañadora recibiu un diploma acreditativo xunto a unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

O Premio á Canle recaeu en Toxío. O xurado, na súa acta, destacou a súa “alta calidade comunicativa, técnica e estética, así como a continuidade e periodicidade dos contidos cun dominio emocional e ético”. Pode accederse á canle nesta ligazón. Doutra banda O Premio á Youtubeira/o recoñeceu a Neeumatiko polo seu carácter de “referente do youtube en galego” e a súa alta “capacidade comunicativa e lingüística”. Ademais, Histérikas Histórikas recibiu o Premio Youtubeira/o revelación “por unha forma fresca de presentar contidos, cunha alta repercusión, cun formato innovador no Youtube galego”, subliñou o xurado.

O Premio Vídeo levouno Piratas sen parche por ‘Eduardita’. O xurado puxo en valor a calidade técnica, a creatividade e “a súa orixinalidade á hora de transmitir a mensaxe”. Pola súa parte, o Premio Calidade Lingüística galardoou a canle Falemos do Reino de Galicia pola súa “capacidade para manter os trazos dialectais nun rexistro culto e normativo”. O ditame tamén salientou a forma de usar a lingua “natural e sen complexos”.

Pingando-Laura Veiga obtivo o Premio Pioneiro polo seu xeito de “introducir unha nova temática na Rede galega dunha forma innovadora e atractiva”, demostrando unha vez máis que “a lingua non ten cancelas”. O Premio Rede recaeu en A Lobeira Today “pola súa constancia para fortalecer a comunidade virtual galega, por crear e manter vínculos e asociacións”, explicou o xurado no seu ditame. Finalmente, o Premio do Público quedou en mans do vídeo ‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez, por ser o traballo máis votado polo público.

Asistencia

A gala de entrega celebrouse no Pazo da Cultura de Carballo coa asistencia de representantes institucionais das entidades organizadoras. Por parte da USC, participou no acto o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo. O xurado desta edición, que tivo que escoller entre as 75 canles presentadas e que seleccionou un total de 22 propostas finalistas, estivo conformado por Mario Brión, gañador do Premio Youtubeira/o en 2021; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías, promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Todos os premios contan cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público que dispón de 500 euros.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)