Skip to main content

A Consellería de Sanidade apoia a difusión do labor investigador dos seus profesionais

A Consellería de Sanidade está a realizar un importante esforzo para reforzar a estrutura, recursos e medios destinados á investigación. Dentro desta liña de cooperación e de apoio ao traballo dos investigadores, o Servizo Galego de Saúde estableceu recentemente un contrato con Biomed Central, que permitirá aos profesionais da sanidade galega publicar os seus traballos de investigación nas revistas electrónicas e acceder aos recursos gratuítos desta editorial, á que poderán acceder a través da dirección (www.biomedcentral.com). Biomed Central é unha editorial independente “on line” que permite acceder de forma inmediata e gratuíta ás obras de investigación biomédica, que previamente foron avaliadas por outros científicos.

Este contrato coordinado a través do Servizo de Documentación, Publicación e Estudos reportará importantes vantaxes para os profesionais, xa que poderán presentar un número ilimitado de artigos ás revistas de Biomed Central sen ter que aboar o importe correspondente cada vez que o seu traballo reciba a aprobación para ser publicado, o que contribuirá a unha maior difusión do seu labor investigador.

Outro dos aspectos positivos deste acordo acadado entre o Sergas e Biomed Central é que os autores poderán fundar a súa propia revista dedicada a calquera campo da bioloxía ou a medicina, utilizando para iso as ferramentas que Biomed Central proporciona de maneira gratuíta.

PROPIEDADE INTELECTUAL

Outra das novidades que aporta este servizo é que os autores non perden os seus dereitos intelectuais, xa que esta editorial non precisa que os autores transfiran estes dereitos do seu material de investigación ás súas revistas.

Desta maneira, calquera autor pode publicar os resultados da súa investigación nas súas páxinas web e enviar artigos por correo electrónico a outros investigadores, sen as restricións impostas por estes dereitos. Biomed Central caracterízase tamén pola súa rapidez –os artigos publícanse con maior celeridade que nunha publicación en papel- e son revisados por científicos, o que garante a calidade dos artigos que se publican na web.

XESTIÓN DA INVESTIGACIÓN

Este contrato enmárcase dentro do obxectivo da Consellería de Sanidade de apoiar a docencia e investigación en ciencias da saúde no ámbito dos seus centros, xa que a maioría da produción na área da investigación sanitaria é realizada por profesionais e centros que dependen do Servizo Galego de Saúde.

Así, con motivo do novo organigrama do Sergas, púxose en marcha unha subdirección de Docencia e Investigación Sanitaria. Esta nova subdirección, que depende directamente da División de Asistencia Sanitaria, ten a responsabilidade na elaboración de propostas e seguimento dos programas de investigación.

Na actualidade, a Consellería que dirixe José Manuel González Álvarez está a traballar na elaboración do Proxecto de Fomento e Coordinación da Investigación do Sergas e no desenvolvemento da Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA), que no título X aposta pola coordinación para acadar a máxima eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos para programas de investigación.

OUTROS SERVIZOS DO DEPARTAMENTO DE PUBLICACIÓNS

Por outra parte, o departamento de Documentación, Publicación e Estudos da Consellería conta tamén con outros servizos dirixidos a facilitar o labor dos profesionais da sanidade galega.

Nestos momentos estase a traballar na implantación na intranet do Sergas dunha aplicación onde se recollen os distintos catálogos das bibliotecas dos hospitais, dando a oportunidade a todo o persoal do Sergas de localizar e solicitar en préstamo os fondos bibliográficos das distintas bibliotecas emprazadas nos hospitais da nosa comunidade autónoma.

Así, as bibliotecas hospitalarias servirán de centro de referencia para o persoal de atención primaria e xestionarán o préstamo entre centros.

Outra función deste departamento é a xestión do préstamo interbibliotecario que abrangue a relación coas bibliotecas doutros centros (bibliotecas do resto do Estado e internacionais) para poder satisfacer as demandas de información. Así mesmo, encárgase tamén de facilitar a difusión das publicacións enviando éstas a diferentes organismos como o Consello de Administración do Sergas, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Federación Galega de Municipios e Provincias, Consello da Xunta, etc.

Dende o ano 2002 este departamento encárgase tamén de que todas as publicacións editadas pola Consellería de Sanidade e/ou polo Sergas estean dispoñibles a texto completo na páxina web do Sergas e na intranet.
As novas tecnoloxías de información permiten que as publicacións sexan editadas, ademais de soporte papel, en soporte electrónico permitindo unha maior difusión e facilitando a accesibilidade a ditas obras.

Asemade, o servizo de Documentación, Publicación e Estudos tenta traballar de maneira coordinada coas bibliotecas dos hospitais do Sergas, elaborando proxectos cara ao futuro de maneira conxunta, de xeito que sexa posible compartir recursos e, sobre todo, o que é máis importante, que ditos recursos estean dispoñibles para todos.

Toda esta actividade reflicte o interese do departamento que dirixe José Manuel González Álvarez pola actualización continua dos coñecementos dos profesionais sanitarios, así coma a potenciación dos elementos que favorezan ao sistema sanitario da nosa comunidade autónoma.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia