Skip to main content

O Cinbio lanza CinVigo, un festival que converterá a cidade nun gran laboratorio científico

Baixo o lema Ciencia na rúa, durante a fin de semana do 22 e o 23 de abril o centro de Vigo acollerá este evento no que o público asistente poderá coñecer de preto diferentes proxectos científicos, pero tamén participar activamente en retos, concursos ou actividades divulgativas como a xincana e os obradoiros, estes últimos especialmente deseñados para público infantil.

“Desde o Cinbio, como centro de investigación de referencia, o noso obxectivo fundamental é multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico e formación de profesionais”, afirma Miguel Correa, director do centro e integrante do comité organizador desta cita, quen agradece o apoio prestado polo Concello de Vigo e engade que “con actividades divulgativas coma esta pretendemos espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade co fin de asegurar o futuro da investigación”.

O alumnado de ensino medio será o gran protagonista

O prato forte de CinVigo virá da man de estudantes de secundaria e bacharelato, verdadeiros protagonistas dunha feira científica que será a atracción principal do evento. Ata un máximo de 60 grupos de alumnas e alumnos terán a oportunidade de amosar nesta feira os seus proxectos científicos e ofrecer as súas correspondentes explicacións ás persoas que se acheguen ata os postos ao longo de toda a fin de semana.

Os 60 proxectos participantes serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal investigador do Cinbio a través dun concurso aberto a todos os centros de secundaria e bacharelato, ofrecéndose tres niveis e categorías de participación cos seus correspondentes premios: unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estancia no Cinbio. Para o alumnado de 1º e 2º da ESO lánzase a categoría Early researchers; Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. “Buscamos traballos que expliquen fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia”, explica Correa. O alumnado seleccionado, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o público na CinVigo.

O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o venres 10 de marzo. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.
Universidade de Vigo