Skip to main content

Comeza a nova fase de axudas ás entidades locais para o transporte de RSU ata as plantas de transferencia

A Consellería de Medio Ambiente, tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), convoca unha orde de axudas económicas para subvencionarlle aos concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios o transporte de residuos sólidos urbanos (RSU) de bolsa negra ata as plantas de transferencia ou estacións de selección máis próximas.

Todas as entidades interesadas nesta orde de subvencións teñen corenta días naturais a partir de mañá para presentar as súas solicitudes, que deberán ir dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e presentadas segundo o modelo de solicitude normalizada que se publica hoxe na orde do DOG. O período subvencionable abarcará os gastos de transporte dende o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de outubro de 2005, ambos inclusive.

REQUISITOS

Os beneficiarios das axudas deberán cumprir varios requisitos, comezando porque a planta de transferencia máis próxima deberá estar a máis de 25 quilómetros da casa do concello. No caso de que se trate dunha mancomunidade ou agrupación de municipios, só se poderá solicitar a axuda correspondente para os concellos que cumpran esa condición. A entidade terá que ter subscrito un contrato con Sogama ou con outro xestor final autorizado de residuos de Galicia, cos que non poderán ter ningunha débeda nos pagamentos.

No caso de que algún concello beneficiario pase posteriormente a dispoñer dunha planta de transferencia ou estación de selección a 25 quilómetros ou menos da casa consistorial, deixaría de percibir a axuda correspondente a partir do día 1 do mes seguinte á posta en marcha da planta ou estación.

OUTRA DOCUMENTACIÓN

Xunto ao modelo de solicitude, as entidades interesadas deberán presentar outra documentación: o certificado do acordo adoptado no Concello no que se aproba a participación nesta convocatoria de axudas, unha fotocopia compulsada do contrato subscrito con Sogama ou con outro xestor autorizado e o certificado de non ter pagamentos pendentes con eles.

Os concellos e mancomunidades que opten as axudas terán tamén que presentar unha certificación que sinale a parroquia do municipio máis afastada da planta de transferencia que lles corresponda, así como outro certificado no que conste a poboación de dereito do concello a día 31 de decembro de 2004. Terán por último que declarar todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade ante outras administracións ou entes públicos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia