Skip to main content

A Xunta avoga por unha sólida formación dos deportistas galegos e por fortalecer a estructura empresarial dos clubs

O titular do Goberno galego, Manuel Fraga, presidiu o acto de entrega do Premio de Investigación Deporte Galego 2004, e das bolsas de formación e de investigación no ámbito deportivo. Durante a súa intervención, o mandatario autonómico fixo fincapé en que a través destas iniciativas, o Goberno galego quere impulsar a reflexión sobre o deporte e a educación a través dun marco teórico que inclúa liñas de actuación concretas, e ofreza “unha sólida formación aos profesionais do deporte, que reforce a estrutura empresarial dos nosos clubs”. Neste acto tamén estiveron presentes a conselleira de Deporte, Pilar Rojo, e mailo director xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa.

“O mundo deportivo é unha realidade en constante crecemento”, salientou o presidente da Xunta ao tempo que subliñou que cada vez, en maior medida, a sociedade reclama respostas para o ámbito deportivo, “un campo para o que é preciso ofrecer alternativas centradas en proxectos serios de investigación e avaladas por unha formación do máis alto nivel”.

Deste xeito, profesionalidade empresarial e deportiva e a procura do espectáculo son dúas das características que serviron de fundamento para a elaboración do Plan de Formación e Investigación Deportiva 2004/2005 da Fundación Deporte Galego.

Esta iniciativa naceu co obxectivo de impulsar a vertente máis académica do feito deportivo a través do traballo de investigación e do apoio á formación de profesionais; algo que por un lado enriquecerá as súas propias traxectorias e por outro, contribuirá a mellorar a calidade do deporte galego.

FOMENTO E MELLORA DO DEPORTE

Referíndose ao galardón entregado hoxe, Manuel Fraga salientou que se outorga ao INEF-Galicia “en recoñecemento ao seu labor a prol do fomento e a mellora do deporte na nosa Comunidade, que grazas ao seus traballos de investigación contribúe a ampliar a dimensión social do feito deportivo”.

“Quero tamén transmitir –continuou o presidente da Xunta- a todas as persoas ou institucións que foron premiadas con bolsas para a formación ou a investigación no eido deportivo o meu desexo de que aproveiten esta oportunidade que desde a Xunta de Galicia se lles brinda para afondar nunha realidade que contribúe considerablemente a mellorar a nosa calidade de vida”.

Manuel Fraga referiuse tamén á implantación en dúas universidades galegas de dous mestrados especializados no eido deportivo. Trátanse do Mestrado de preparación psicolóxica para o Deporte e do Mestrado de dirección e xestión de entidades deportivas que se impartirán nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, respectivamente. Con esta iniciativa, “queremos reforzar o ámbito académico, conseguindo que Galicia aposte forte pola formación específica en materia deportiva”, sinalou o mandatario galego.

Segundo salientou o presidente da Xunta son “novas vías de mellora” que pretenden formar profesionais específicos neste sector, para potenciar, deste xeito, co mellor capital humano, a xestión deportiva, “dada a dimensión económica e o seu impacto social, cada vez máis global e competitivo”.

Finalmente, Manuel Fraga lembrou que este ano Galicia acolle a saída da Volta ao Mundo de Vela, un acontecemento que “centrará na nosa Comunidade o ollar de milleiros de amantes da náutica, e suporá o despegue definitivo para un sector tan importante par Galicia como é o náutico”.

Durante o acto, ademais do Premio de Investigación Deporte Galego 2004 tamén se fixo entrega de sete bolsas de investigación que tiveron como destinatarios o INEF-Galicia (2); Fundehsga; Universidades de Santiago de Compostela e Vigo; Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e á Fundación Baloncesto Galicia.

Tamén se concederon trinta e dúas bolsas de formación para a realización do Mestrado en dirección e xestión de entidades deportivas e outras trinta e cinco para o Mestrado en preparación psicolóxica para o deporte e a actividade física.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA ENTREGA DE BECAS DE INVESTIGACIÓN E FORMACIÓN NO DEPORTE E DO PREMIO DE INVESTIGACIÓN DEPORTE GALEGO 2004

- “A través destas iniciativas a Xunta de Galicia quere impulsar a reflexión sobre o deporte e a educación a través dun marco teórico no que se propoñan liñas de actuación concretas, e se ofreza unha formación sólida aos profesionais do deporte, que reforce a estrutura empresarial dos nosos clubs”.

- “O mundo deportivo é unha realidade en constante crecemento. Cada vez en maior medida a sociedade reclama respostas para o ámbito deportivo, un campo para o que é preciso ofrecer alternativas centradas en proxectos serios de investigación, e avaladas por unha formación do máis alto nivel”.

- “Estas características –profesionalidade empresarial e deportiva e permanente procura do espectáculo- foron os fundamentos sobre os que se elaborou o Plan de Formación e Investigación Deportiva 2004/2005 da Fundación Deporte Galego, creado para impulsar a vertente máis académica do feito deportivo a través do traballo de investigación e do apoio á formación de profesionais que, por un lado, enriquecerá as súas propias traxectorias, e por outro ha contribuír a mellorar a calidade do noso deporte”.

- “O Premio de Investigación Deporte Galego 2004 outórgase este ano ao INEF-Galicia, en recoñecemento ao seu labor a prol do fomento e a mellora do deporte na nosa Comunidade, que grazas aos seus traballos de investigación contribúe a ampliar a dimensión social do feito deportivo”.

- “Quero tamén transmitir a todas as persoas ou institucións que foron premiadas con bolsas para a formación ou a investigación no eido deportivo o meu desexo de que aproveiten esta oportunidade que desde a Xunta de Galicia se lles brinda para afondar nunha realidade que contribúe considerablemente a mellorar a nosa calidade de vida”.

- “Coa implantación dos Mestrados de preparación psicolóxica para o deporte e de dirección e xestión de entidades deportivas, impartidos respectivamente nas universidades de Santiago e Vigo, queremos reforzar o ámbito académico, conseguindo que Galicia aposte forte pola formación específica en materia deportiva”.

- “Estes mestrados nacen como novas vías de mellora, co principal obxectivo de formar profesionais específicos neste sector, para potenciar, co mellor capital humano, a xestión deportiva, dada a dimensión económica e o seu impacto social, cada vez máis global e competitivo”.

- “Como exemplo da dimensión que adquire moitas veces o mundo do deporte podemos falar da Volta ao Mundo a Vela que, como todos sabedes, centrará na nosa Comunidade o ollar de milleiros de amantes da náutica, e suporá o despegue definitivo para un sector tan importante para Galicia como é o náutico”.

- FICHA TÉCNICA:

· Premio de Investigación Deporte Galego 2004: INEF-Galicia

· Bolsas de investigación:
- INEF-Galicia (2)
- Fundehsga
- Universidade de Santiago de Compostela
- Facultade de CC. Empresariais e Turismo de Ourense
- Fundación Baloncesto Galicia
- Universidade de Vigo

· No marco do Plan de Investigación e Formación Deportiva concedéronse trinta e dúas bolsas de formación para a realización do Mestrado en dirección e xestión de entidades deportivas e outras trinta e cinco para o Mestrado en preparación psicolóxica para o deporte e a actividade física.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia