A UVigo súmase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Segundo indican desde a organización das xornadas, a partir do ano 1926 os membros do Seminario de Estudos Galegos crearon un “novidoso e xenuíno” sistema de investigación que denominaron xeiras. “O procedemento era o seguinte: as diferentes seccións do SEG acordaban unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse alí, arredor dunha semana, para traballar directamente sobre o terreo ao mesmo tempo. O obxectivo era aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías, realizaban análises xeolóxicas, etc”, detallan. O resultado destes estudos eran editados nun volume.
Partindo desta metodoloxía, a proposta das xornadas, comentan desde a súa organización, “é pór en marcha unha experiencia similar con alumnado de Educación Secundaria dos concellos de Allariz e Ribadavia, co obxectivo de transmitir e experimentar esta singular vía de investigación no ámbito da cultura galega, en concreto nas áreas da historia, arqueoloxía, literatura, etnografía e arte”. Con esta idea, o alumnado participante está a realizar un pequeno traballo de recollida de saber de persoas maiores da súa contorna que plasmarán en vídeos curtos que logo amosarán aos seus compañeiros e compañeiras o día da celebración das xornadas.
Dúas xeiras
A primeira xeira terá lugar o 19 de maio en Ribadavia. Alí o alumnado de Allariz será acollido polo alumnado do IES O Ribeiro e exporá os seus traballos. A programación continuará cunha visita ao xacemento de San Cibrao de Las, onde o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, explicará o desenvolvemento das escavacións realizadas por Cuevillas. Tamén haberá unha visita guiada á Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba, Amoeiro, onde o alumnado asistirá a pequenas charlas sobre o papel da SEG en Ourense, a cargo de Julio Prada, decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, e o papel neste seminario de Otero Pedrayo, a cargo de Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo.
A segunda das xeiras será o 26 de maio en Allariz. Devolvendo a visita recibida, o alumnado de Ribadavia será acollido polo alumnado do IES Allariz e exporán alí os seus traballos. Ao remate visitarán ao xacemento de Armea, onde o director do proxecto arqueolóxico deste enclave, o investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Adolfo Fernández, explicará o desenvolvemento das escavacións e os resultados acadados durante estes anos. Para rematar a actividade haberá unha visita guiada e breve charla sobre o papel de Vicente Risco na SEG por Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, e un xantar en Allariz.
Universidade de Vigo