Skip to main content

A Xunta e a Fiscalía Xeral do Estado potenciarán a especialización dos fiscais en materia de seguridade e saúde laboral

O titular do Goberno galego, Manuel Fraga, e o fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións para acadar a especialización, en materia de seguridade e saúde laboral, dos fiscais con destino na Comunidade Autónoma galega e loitar, deste xeito, contra a sinistralidade laboral.

Segundo sinalou o máximo mandatario autonómico na súa intervención, trátase de establecer un marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado para incrementar a eficacia das actuacións da fiscalía en materia de prevención de riscos laborais, articular a cooperación técnica e os mecanismos de información entre ambas institucións e mellorar a especialización dos membros do Ministerio Fiscal da Comunidade Autónoma galega en determinados delitos de carácter laboral.

Esta iniciativa “fundaméntase, por un lado –engadiu Fraga-, no recoñecemento, por parte do Ministerio Fiscal, da necesidade de contar con fiscais especializados que poidan respostar axeitadamente aos desafíos que se nos formulan en materia de seguridade e saúde no traballo, eido no que se detectan graves incumprimentos normativos; e, por outra parte, aséntase igualmente na vontade de ambas partes de acadar maior eficacia na prevención e sanción dos delitos contra a seguridade dos traballadores”.

INFORMACIÓN E FORMACIÓN

Para a consecución dos obxectivos que marca o acordo asinado hoxe, o Goberno galego, a través da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, comprométese a proporcionarlle ao Ministerio Fiscal a información sobre sinistralidade laboral e a súa evolución, así como os informes e estudos de interese para o exercicio dos seus cometidos. De igual xeito, programaranse actividades de formación, asesoramento e apoio técnico aos membros do Ministerio Fiscal para conseguir a súa especialización.

Así mesmo, e co obxectivo de facilitar e axilizar as súas funcións, porase en coñecemento dos fiscais especializados aquelas situacións de emerxencia en relación coa seguridade e saúde dos traballadores, as notificacións dos accidentes graves, moi graves, mortais e dos leves que afecten a traballadores menores, así como os informes e as paralizacións ou suspensións de traballo por falla de medidas de seguridade que supoñan un risco grave. Segundo subliñou o presidente da Xunta, con esta especialización dos fiscais e a súa dedicación específica búscase acadar “un maior nivel de eficacia” na actuación e xestión da acusación pública nos delitos relacionados coa seguridade no traballo.

ACORDO “AMBICIOSO E TRANSCENDENTAL”

O titular do Goberno galego amosouse confiado na pronta consecución dos obxectivos que fixa o acordo, sinalando que “pronto comezaremos a obter os resultados que todos agardamos”. Así mesmo, o presidente da Xunta cualificou o convenio asinado hoxe de “ambicioso e transcendental”.

COOPERACIÓN

Por último, Manuel Fraga quixo manifestarlle o seu agradecemento ao Fiscal Xeral do Estado pola súa “colaboración e apoio no eido da seguridade e saúde laboral”, reafirmando, ao mesmo tempo, o compromiso do Goberno autonómico na loita contra a sinistralidade no traballo e na mellora das condicións laborais de todas as galegas e os galegos. O presidente da Xunta tamén fixo un chamamento aos sectores implicados –empresarios, traballadores, os seus representantes e as distintas Administracións- para loitar contra a sinistralidade laboral, “cada un –dixo- no marco das súas respectivas responsabilidades”.

GALICIA, OBXECTIVO FUNDAMENTAL

Pola súa banda, o Fiscal Xeral do Estado, Cándido Conde Pumpido, cualificou a sinatura deste convenio como unha “satisfación” porque ten, como fin último, “mellorar a protección dos traballadores de Galicia” no eido laboral. Así mesmo, salientou a “necesaria cooperación institucional” para mellorar o servizo do Ministerio Fiscal. Conde Pumpido sinalou, neste sentido, que “Galicia é obxectivo fundamental” en materia de prevención de riscos laborais e que se está a traballar para reforzar o servizo fiscal especializado neste eido e se tenta dotar á Comunidade dun “mínimo dun fiscal en cada provincia dedicado en exclusiva a esta materia”.

PALABRAS DO TITULAR DO GOBERNO GALEGO NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E A FISCALÍA XERAL DO ESTADO

- “O convenio que vimos de asinar constitúe un acordo fundamental, en materia de seguridade e saúde laboral, no que o Ministerio Fiscal e a Xunta de Galicia van colaborar estreitamente na loita contra a sinistralidade laboral na nosa Comunidade; obxectivo este compartido por ambas as dúas partes”.

- “A prevención de riscos laborais constitúe un obxectivo estratéxico da Xunta de Galicia ao que, en colaboración cos axentes sociais, se dedican múltiples recursos, tanto humanos como económicos, para mellorar as condicións de traballo, reducir a sinistralidade laboral e sancionar os incumprimentos da normativa vixente”.

- “Con el búscase establecer o marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado para incrementar a eficacia das actuacións da fiscalía en materia de prevención de riscos laborais, articular a cooperación técnica e os mecanismos de información entre ambas as institucións e mellorar a especialización dos membros do Ministerio Fiscal da Comunidade Autónoma en determinados delitos de carácter laboral”.

- “Fundaméntase, por un lado, no recoñecemento, por parte do Ministerio Fiscal, da necesidade de contar con fiscais especializados que poidan respostar axeitadamente aos desafíos que se nos formulan en materia de seguridade e saúde no traballo, eido no que se detectan graves incumprimentos normativos; e, por outra parte, aséntase igualmente na vontade de ambas partes de acadar maior eficacia na prevención e sanción dos delitos contra a seguridade dos traballadores”.

- “Trátase, segundo acabamos de ver, dun convenio ambicioso e transcendental para mellorar as actuacións nesta materia; pero teño a certeza de que pronto comezaremos a obter os resultados que todos agardamos”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E A FISCALÍA XERAL DO ESTADO PARA A ESPECIALIZACIÓN DE FISCAIS CON DESTINO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA EN MATERIA DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

O convenio asinado esta mañá polo presidente da Xunta, Manuel Fraga, e polo fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, ten como fin primordial articular a cooperación e mellorar os coñecementos técnicos e xurídicos dos profesionais da carreira fiscal en materia de prevención de riscos laborais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, logrando, deste xeito, unha redución da sinistralidade laboral e o potenciamento da especialización dos membros da carreira fiscal en materia de seguridade e saúde dos traballadores.

DELITOS CONTRA A SEGURIDADE E A HIXIENE NO TRABALLO

Co obxectivo de facilitar e axilizar a actividade do Ministerio Fiscal en relación cos delitos contra a seguridade e hixiene no traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta comprométese a darlle a coñecer as situacións de emerxencia en relación coa seguridade e a saúde dos traballadores, así como as notificacións empresariais dos accidentes graves, moi graves e mortais no momento en que se teña coñecemento deles; informar sobre os partes de accidentes graves, moi graves, mortais e leves de traballadores menores; facilitarlle os informes das investigacións sobre estes accidentes que elabore a Inspección de Traballo e a Seguridade Social de Galicia ou os elaborados polos servizos provinciais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral dependente da Xunta, con periodicidade mensual; e informar sobre as paralizacións e suspensións inmediatas de traballos e tarefas por falla de medidas de seguridade que supoñan un risco grave e inminente para a saúde dos traballadores, realizadas pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, no prazo de vintecatro horas desde a súa notificación á Administración galega.

INTERCAMBIO DE INFORMACIÓN SOBRE SINISTRALIDADE

Segundo se establece no acordo asinado hoxe, a Xunta de Galicia prestará toda a información que requira a Fiscalía Xeral en materia de sinistralidade laboral. Deste xeito, o Ministerio Fiscal será convocado, en calidade de invitado, a todas as reunións dos comités provinciais de Seguridade e Saúde Laboral, recibindo información inmediata da evolución da sinistralidade en cada provincia, así como das actuacións realizadas na mesma no que atinxe á loita contra a sinistralidade laboral. Así mesmo, tamén se lle darán a coñecer os informes e estudos sobre seguridade laboral e saúde laboral e sinistralidade que a xuízo da Dirección Xeral de Relacións Laborais poidan ser de interese para o exercicio das competencias e facultades da Fiscalía Xeral do Estado.

Pola súa banda, a Fiscalía informará mensualmente á Administración pública galega das dilixencias xudiciais iniciadas en relación aos accidentes de traballo, ordes de paralización de traballo e actas de información en materia de seguridade e saúde laboral e dos seus resultados.

Ambas as dúas institucións tamén se comprometen a realizar colaboracións de carácter divulgativo que persigan a difusión dos dereitos e obrigacións en materia de prevención de riscos laborais e a informar, a través dos medios de comunicación, sobre os procedementos xudiciais penais relativos á sinistralidade laboral.

FORMACIÓN

De igual xeito, a Xunta prestará formación aos órganos da Fiscalía no que se refire á xestión e control das condicións de traballo. Estes programas de formación irán dirixidos aos membros do Ministerio Fiscal que designe, ao Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e aos Fiscais Xefes das Audiencias Provinciais. Procurarase que a estas actividades formativas acuda o fiscal especializado en sinistralidade laboral. A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta será a encargada de organizar os cursos.

Con carácter anual, a Xunta organizará unha xornada de especialización dos fiscais en materia de sinistralidade laboral e de seguimento da colaboración expresada entre ambas as dúas institucións asinantes do presente convenio.

Así mesmo, a Administración pública galega ofrecerá á Fiscalía un asesoramento técnico permanente en resposta ao que o Ministerio Fiscal puidese demandar para o exercicio das súas actuacións e iniciativas en materia de xestión preventiva e aplicación de técnicas de prevención e boas prácticas para evitar e controlar a sinistralidade e os riscos laborais.

Segundo se establece no convenio, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais tamén se compromete a facilitarlle os medios técnicos que precisen os fiscais especializados para garantir o cumprimento dos obxectivos previstos no presente acordo.

A Xunta destinará a estas actuacións un total de 88.000 euros. A vixencia do acordo será de dous anos, prorrogables anualmente.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia