Skip to main content

O concello de Celanova acorda organizar unha homenaxe ós presos da Guerra Civil

Desde que a Desamortización de Mendizábal, entre os anos 1836 e 1837, deixa o Mosteiro de San Salvador baleiro de contido no tocante á función orixinal para a que fora mandado construir por San Rosendo, alá polos albores do século X (é dicir, como solar-habitación para unha comunidade de abades benedictinos), e, como consecuencia, a parte correspondente ós dous claustros do edificio pasan a depender directamente do Concello de Celanova, ó seu carón foise desenvolvendo urbanísticamente unha vila que sempre tivo ó convento como un elemento esencial de referencia, razón pola cal foron moitas as ocupacións e os usos que tanto o Concello de Celanova como o propio Goberno do Estado lle foron dando ó longo do tempo, segundo as necesidades sociais, culturais e económicas que este pobo veu tendo en cada momento histórico, e que se resumen someiramente en:
1. (1837-1869): Cuartel do exército, cárcere, almacén de sal e ocupacións particulares.
2. (1869-1929): Centro escolar dos Padres Escolapios.
3. (1929-1936): Centro escolar dos Padres Agustinos.
4. (1936-1943): Prisión política.
5. (1943-1973): Auxilio Social, Salesianos e Ciudad de los Muchachos.
6. (1973-2003): Instituto de Formación Profesional e Instituto de Bacharelato.
Cada unha destas etapas ten sido recordada polos sucesores daqueles veciños iniciais que negociaron coa Junta de Venta de Bienes del Estado, dunha maneira ben diferente, segundo a funcion que en cada momento acolleu o edificio e segundo a relación directa que cada un dos nosos devanceiros tivo co mesmo, porque deste mesmo xeito lle foi transmitida ós seus fillos e ós seus netos.
De todas elas, debido ás complexas circunstancias sociais polas que atravesou o país durante esa etapa, a máis tráxica foi, sen lugar a dúbidas, a correspondente ós anos 1936 e 1943, durante os que -primeiro con carácter de prisión provisional e logo coa oficialidade da prisión central- a práctica totalidade do edificio foi destinado a acoller un gran número de presos políticos procedentes de moi diversos lugares de España e que o profesor Domingo Rodríguez Teijeiro cuantificou no seu libro Longa noite de pedra no mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova (1936-1943), publicado polo Concello de Celanova dentro do Premio de Investigación Manuel Iglesias que ese Concello convoca desde o ano 1998. Unha época que queda referida no libro de Domingo Rodríguez Teijeiro do seguinte xeito: O estoupido da contenda civil vai traer emparellado un novo emprego das dependencias do vetusto mosteiro celanovés, anque neste caso de carácter moi diferente ós que tiña acollido con anterioridade e, sen dúbida, o máis ominoso de todos eles: sería transformado en cárcere dende o mes de xullo de 1936. Nos primeiros momentos serán tan só algunhas dependencias -como o refectorio- as destinadas a esta función, progresivamente e debido ó incremento da represión na comarca e zonas limítrofes, vai ser necesario ampliar os espacios dedicados a este fin. Como epílogo, perante o desorbitado volume da represión en toda a provincia e a manifesta incapacidade da Prisión Provincial de Ourense para darlle cabida a tódolos detidos, todo o corpo do edificio que está artellado arredor do patio do Poleiro vaise convertir en cárcere. A partir de 1938, a prisión habilitada sería transformada en Prisión Central, plenamente autónoma da provincial e destinada a darlle acollida a presos políticos con sentencia firme que deberían cumprir aquí a súa condea, categoría ésta que se mantería ata o seu peche definitivo no ano 1943.
Pois ben, esta terrible circunstancia social fixo que durante eses oito anos o nome de Celanova entrase, sen querer, no fogar de milleiros de homes, mulleres e nenos (cunha altísima porcentaxe -arredor do 70%- de procedencia asturiana) de todo o país, que ben en primeira persoa, (xa fora no caso dos preto de 10 mil homes que perderon temporalmente a súa liberdade e incluso en moitos casos a vida, como no dos funcionarios destinados neste penal, así como no dos soldados do exército que foron destinados a esta vila), como en terceira persoa (no caso dos familiares que tiveron que mirar no mapa onde estaba ubicado o pobo de Celanova para poder facerse unha idea de onde estaba radicado o lugar que se convertira na residencia obrigada do seu pai, do seu irmán, do seu marido ou do seu fillo); e mesmo no caso dos propios veciños de Celanova, que pronto tiveron que readaptar a súa tranquila vida nun pequeno pobo comercial do interior de Galicia, para converterse nun verdadeiro centro de acollida de centos e centos de persoas alleas, que se achegaban a esta vila, xa non só co único obxectivo de facerlles unha visita ocasional ós seus familiares, senón moitas veces coa idea firme de procurar algún traballo para poderen estar preto dos seus familiares internos no penal celanovés.
Andando o tempo teñen sido moitas as experiencias recollidas neste sentido, tanto na voz dos protagonistas directos daquela época, como na dos seus familiares máis achegados, e que teñen provocado un fluxo de visitas a Celanova co fin de recordar os espacios físicos onde algúns perderon durante un tempo un ben tan preciado como o da liberdade, ou coñecer sobre o terreo aquel pobo descoñecido dende onde lles chegaban as cartas e que lle servira de fogar obrigado a algún familiar ou amigo.
Isto incluso ten dado lugar a traballos literarios como o caso de Celanova 42, un libro que foi finalista do prestixioso premio literario Café Gijón na súa edición de 1993 e que, escrito pola novelista de orixe asturiano Concha López Sarasúa, recolle a súa propia experiencia infantil, de cando se desprazou a Celanova para visitar ó seu tío, interno no penal do Mosteiro.
Coñecedores destas e doutras experiencias vitais, dende o Concello hai tempo que se tiña pensado na necesidade de sufragar esta débeda emocional. Unha débeda que Celanova tiña contraída históricamente con tantas e tantas persoas anónimas, ligadas vitalmente a esta vila debido a esta circunstancia. Unha débeda, en fin, que ten tres flancos para abordar:
Por unha banda, con esa toda xente procedente de tódolo recantos de España, que se viu obrigada a perder a liberdade durante un tempo ou incluso a vida.
Pola outra cos seus familiares, ós que o nome de Celanova se lles fixo involuntariamente familiar, entre outras cousas porque día sí e día tamén, chegaban cartas ás súas casas con ese remite de procedencia.
E finalmente cos celanoveses ós que lles tocou vivir de preto aquela experiencia, sabendo estaren á altura das circunstancias por riba de calquera compoñente ideolóxica e implicándose dun xeito colectivo para paliar na medida das súas posibilidades o feito de contar con centos de persoas que se converteran en veciños seus, privados de liberdade, mesmo ás portas das súas casas.
Estamos a falar dos pais e avós de moitos celanoveses de hoxe, que naquel momento eran profesionais, comerciantes, taberneiros ou simples particulares que tansformaron as súas casas en fondas ocasionais para albergar a esas xentes de fóra, que chegaban a Celanova desexosos de poder aproveitar algún momento de visita para estaren preto dos seus.
O único que restaba era procurar a data máis axeitada, para poder definir no tempo esta homenaxe. E esta data apuntouna o mesmo profesor Domingo Rodríguez Teijeiro no seu traballo Longa Noite de Pedra no Mosteiro de San Salvador de Celanova.Represión e reclusión en Celanova (1936-1943), ó recoller un oficio da Dirección General de Prisiones, de data 2 de setembro de 1943, no que se comunica o acordo definitivo de proceder ó peche da Prisión Central.
Paralelamente a este proxecto, no mes de marzo deste mesmo ano os medios de comunicación publicaron en toda Galicia a botadura, por parte do astaleiro Hijos de Barreras de Vigo, dun barco transportador de gas, o primeiro desas características que se construía en Galicia, que levaría o nome de Celanova.
Convidado o alcalde ó acto de botadura, tivo contacto persoal co armador e ó interesarse polas razóns que o levaran a decidir o nome de Celanova, o devantido armador informou de que o fixera como homenaxe ó seu pai, Luis Burgos Sanmartín, que estivera dous anos interno no penal de San Salvador de Celanova.
Isto non veu, senón, a refrendar a necesidade de celebrar un acto de homenaxe a toda aquela xente, no sentido de que a súa actuación sirva de exemplo para nós mesmos e para xeneracións vindeiras.
En base a todo isto, acórdase:
1.- Celebrar o próximo día 20 de setembro un acto de homenaxe, que será personalizado tanto nos presos que entre os anos 1936 e 1943 pasaron pola prisión do Mosteiro de San Salvador, coma nos seus familiares, que sufriron tamén directamente nas súas carnes a falta dun ser querido, así coma nos veciños de Celanova daqueles anos, que souberon superar as moitas dificultades que marcaron aqueles días, acollendo a uns e outros e facendo da hospitalidade unha bandeira que debe servir de exemplo para futuras xeneracións.
2.- Iniciar contactos con algún concello asturiano, co fin de asinar un protocolo de irmanamento no que queden simbolizados os lazos de irmandade que deben unir a tódolos pobos de España, sempre por riba de calquera diferencia ideolóxica, de relixión ou de procedencia.
Programa de actos
-12:00.- Acto institucional de homenaxe. Declaración Institucional (lectura da declaración institucional do Concello de Celanova). Homenaxe: entrega dun recordo do peche da prisión a tres persoas: representante dos presos que pasaron entre 1936 e 1943 por Celanova, representante dos familiares que durante eses anos se viron familiarizados co nome de Celanova, e representante dos veciños de Celanova que dende fora das paredes da prisión souberon ofrecer a súa hospitalidade nunhas condicións tan difíciles como foron as de aqueles anos. Intervención do Orfeón de Portugalete. Lugar: Salón de Actos do Claustro Barroco.
-13:30.- Descubrimento dunha placa conmemorativa. Texto: En lembranza de todos aqueles que, tanto dentro como fóra das paredes deste edificio, sufriron a traxedia da confrontación entre irmáns. Coa esperanza de que aqueles días queden marcados na historia deste pobo como exemplo do que nunca debe volver a suceder. O Concello de Celanova no 60 aniversario do peche da Prisión Central. 20 de setembro de 2003. Lugar: entrada do Instituto de Bacharelato.
-13:45.- Inauguración dunha exposición: Postais desde a prisión (documentos do peche da prisión, documentos dos concursos organizados, planos do Mosteiro, fotografías dos presos, postais de Luis Burgos). Lugar: Claustro do Poleiro.
-14:30.- Xantar popular: con convocatoria pública previa inscripción. Prezo: 15 euros. Lugar: Claustro do Poleiro.
-19:00.- Presentación do libro: Prisión Central. Celanova (1939-1940), de Xesús Alonso Montero.
-19:30.- Mesa redonda: A vida cotidiana dentro e fóra da Prisión de Celanova. Lugar: Biblioteca do Mosteiro.
-20:00.- Concerto do Orfeón de Portugalete. Lugar: Claustro do Poleiro.
Concello de Celanova