Skip to main content

Cospeito acollerá a primeira planta de compostaxe de Galicia que tratará residuos de orixe agroforestal

O vicepresidente segundo e conselleiro de medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o presidente do Grupo Tradebe, Josep Creixell, colocaron a primeira pedra da futura planta de compostaxe de Cospeito que, baixo o nome de Biocompost Lugo, tratará a biomasa residual de orixe agroforestal, como lodos e xurros, entre outros. Neste acto tamén estivo presente o alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

Esta é será a primeira infraestrutura destas características que funcionará en Galicia e dará solución á xestión e tratamento de lodos procedentes de depuradoras industriais e do sector agroalimentario; e aos xurros producidos nas explotacións gandeiras do contorno.

TECNOLOXÍA CONTRASTADA

O proxecto, promovido polo Grupo Tradebe, suporá un investimento de máis de 2,4 millóns de euros e está previsto que entre en funcionamento no último trimestre deste ano. A nova planta de compostaxe terá capacidade para tratar 140 metros cúbicos de residuos ao día, o que supón un total de 40.000 toneladas ao ano. Segundo os datos que manexa o Grupo Tradebe, a produción anual de compost acadará as 15.800 toneladas.

A planta Biocompost Lugo ocupará unha superficie de 7,7 hectáreas e disporá dunhas modernas instalacións dotadas con tecnoloxía moi contrastada que permitirá un tratamento dos lodos e xurros de maneira respectuosa co medio natural. A nave de compostaxe ocupa 6.400 metros cadrados e está formada por cinco balsas nas que se desenvolve todo o proceso de tratamento e conversión en compost dos residuos.

Ata chegar á fase final, os residuos pasarán por unha serie de procedementos, entre os que están misturas, trituracións, fermentación e maduración ou cribados dos residuos. Todas estas fases se realizan baixo continuos controis de calidade, que finalmente indicarán se o compost obtido é de calidade suficiente para a súa comercialización. Todo o compost que saia da planta recibirá un acabado diferente segundo a aplicación que vaia ter (xardiñería, agricultura, etc).

MELLORA AMBIENTAL

No decurso do acto, o titular da Consellería de Medio Ambiente salientou a importancia que esta nova infraestrutura ten para Galicia, xa que suporá un importante avance a prol da conservación do medio natural. Ademais, Xosé Manuel Barreiro explicou que esta planta adáptase ás novas previsións de xestión de residuos de base orgánica y ao novo plan de biorresiduos que está impulsando a Xunta, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental do sector agroforestal.

Pola súa banda, Josep Creixel asegurou que Galicia é unha peza “moi importante” no plan estratéxico de expansión do grupo que dirixe. “A nova planta de Biocompost supón unha clara aposta do Grupo Tradebe pola comunidade galega, onde queremos consolidar a nosa presenza”. Ademais, indicou que espera que a planta de Cospeito “sexa o inicio de futuros proxectos nesta acolledora terra”.

GRUPO TRADEBE

O Grupo Tradebe Medioambiente, con sede en Sant Joan Despí (Barcelona), está formado por un total de 20 empresas que desenvolven a súa actividade desde hai máis de 25 anos en múltiples eidos relacionados coa protección do contorno ambiental e a xestión, tratamento e reciclaxe de residuos, tanto industriais como urbanos. Este grupo é pioneiro na introdución en Europa das tecnoloxías de desorción térmica para o tratamento de lodos procedentes de refinerías.

Durante o pasado ano o Grupo Tradebe obtivo un volume de ventas de 100 millóns de euros, un 16 por cento máis que no anterior exercicio. Para este ano, ten previsto medrar un 25 por cento e acadar un volume de ventas de 125 millóns de euros.

Entre os proxectos previstos para o mercado exterior do grupo, cómpre salientar a sinatura dun contrato de servizos coa refinería do Grupo Conoco Philips en New Jersey (Estados Unidos), que se porá en práctica nos vindeiros meses. Asemade, durante o presente ano, está negociando a adquisición dunha planta de tratamento de residuos industriais no Reino Unido e traballa tamén en diversos plans para a o desenvolvemento de actividades en refinerías de Francia.

Fóra de Europa, o Grupo Tradebe ten previsto realizar accións puntuais en refinerías en países como Marruecos, Argelia, Rusia e repúblicas ex soviéticas. No mercado asiático, os proxectos deste grupo céntranse en China, onde estuda as diferentes propostas relacionadas co tratamento de residuos e augas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia + Inforpress (Grupo Tradebe)