Skip to main content

Galicia será a primeira comunidade en conectar a rede de bibliotecas a Internet, segundo adiantou Manuel Fraga

“En 2005, quedarán incorporadas á rede as 338 bibliotecas públicas municipais a través do programa estatal Internet nas Bibliotecas”. Deste xeito, segundo anunciou Manuel Fraga, Galicia convertirase na primeira Autonomía en conseguir este fito. O titular do Goberno galego engadiu que esta iniciativa se debe, en boa medida, ao esforzo inversor do Executivo autonómico que achegou máis de dous millóns de euros á execución desta actuación.

Manuel Fraga facía este anuncio no decurso do acto de constitución do I Foro Permanente de Cidades Dixitais de Galicia, unha iniciativa que se engloba na política do Goberno galego en materia de novas tecnoloxías. Neste acto, tamén participaron os conselleiros de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela; Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste; e de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, ademais do director xeral para o Desenvolvemento do Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Rafael Sagrario Durán, entre outras autoridades.

“A Xunta de Galicia –afirmou o mandatario galego- é consciente de que as novas tecnoloxías que nos achegan á Sociedade da Información son unha ferramenta clave para loitar contra as desigualdades e as exclusións sociais”. Deste xeito, “constitúen un instrumento idóneo para o crecemento harmónico, incorporando novos elementos competitivos baseados na investigación, o desenvolvemento e a segregación, xusto cando xa conseguimos que as barreiras xeográficas deixasen de ser fronteiras económicas e culturais”, engadiu.

Neste sentido, Manuel Fraga subliñou que a gran ‘Cidade Dixital’ na que o Goberno autonómico pretende converter Galicia responde á convición de que “estamos preparados para competir nunha economía globalizada, na que a creatividade e a innovación son elementos consubstanciais á creación de riqueza”.

Ademais, segundo apuntou o presidente da Xunta, as novas tecnoloxías constitúen unha ferramenta para fortalecer o exercicio da cidadanía, asegurando un acceso máis aberto ao goberno, ás autoridades públicas e aos servizos básicos que demanda a sociedade.

“Mais non se alcanzará o beneficio pleno da Sociedade da Información mentres persista unha fenda dixital entre os que teñen e os que non teñen acceso ás novas tecnoloxías e a educación necesaria para o seu uso efectivo”, afirmou Manuel Fraga.

NOVO MODELO SOCIAL

Referíndose ao I Foro Permanente de Cidades Dixitais de Galicia, o xefe do Executivo autonómico salientou que nace gracias ao esforzo compartido e dedicación de organismos públicos e privados “para a construción dun novo modelo de sociedade”, tal e como demostra a implicación de tres Consellerías da Xunta de Galicia –Innovación, Cultura e Xustiza-, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e dos Concellos de As Pontes de García Rodríguez, Vilalba e A Estrada.

O I Foro Permanente de Cidades Dixitais de Galicia encargarase de analizar as actuacións executadas en A Estrada, Vilalba e As Pontes de García Rodríguez coa posta en marcha, en setembro de 2004, do proxecto Cidades Dixitais ao abeiro do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

CIDADES DIXITAIS

Neste sentido, Manuel Fraga sinalou que “o proxecto Cidades Dixitais de Galicia contempla actuacións principais, que se realizan no concello de A Estrada (Programa A Estrada Dixital), e actuacións complementarias, que se executarán nos Concellos de Vilalba e As Pontes de García Rodríguez (programa Vilas Dixitais)”.

Segundo subliñou o presidente da Xunta, o que se persegue coa execución deste proxecto é transformar as formas de comunicación entre os cidadáns, entre eles e a Administración local e de toda a cidadanía co exterior ao tempo que se tenta converter a todos os que viven e traballan nestes concellos en axentes activos do novo modelo de sociedade.

O proxecto Cidades Dixitais de Galicia desenvólvese entre os anos 2004 e 2007, atopándose na actualidade, a execución das actuacións moi avanzada. As actuacións que contempla consisten na implantación de servizos básicos da sociedade da información, de cara a concienciar e habituar a poboación no seu uso, como a tele-administración, o comercio-negocio electrónico, teleformación, xestión de servizos públicos, aplicacións á cultura, turismo e ocio; todo iso a través das redes de telecomunicacións de alta velocidade.

O orzamento do proxecto ascende a 6,2 millóns de euros achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (2,9 millóns de euros); a Xunta de Galicia (1 millón de euros); o Concello de A Estrada (1,5 millóns de euros), a Deputación Provincial de Pontevedra (180.000 €); o Concello de As Pontes de García Rodríguez (135.000 €) e o Concello de Vilalba (64.734 €).

“Sen dúbida –engadiu Manuel Fraga-, a posta en marcha deste proxecto supón para Galicia, un paso máis no seu camiño cara a modernización tecnolóxica, o estreitamento da chamada ‘brecha dixital’ e o aproveitamento das sinerxías derivadas da cooperación dos axentes económicos, políticos e sociais”.

PLAN ESTRATÉXICO

Trátase dunha acción, segundo explicou o presidente da Xunta, coherente cun Plan Estratéxico do que forman parte as actuacións que o Goberno galego está a realizar para o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, que van desde a extensión da banda ancha á xeneralización dixital ata a creación dunha rede de accesos públicos a Internet.

A creación de servizos e contidos de interese para os cidadáns é outra das prioridades deste Plan Estratéxico que tamén inclúe medidas que contribúan á mellora individual e colectiva no terreo socioeconómico e social como a promoción do emprego, o traballo a distancia ou as plataformas de información.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA CONSTITUCIÓN DO I FORO PERMANENTE DE CIDADES DIXITAIS DE GALICIA

- “A Xunta de Galicia é consciente de que as novas tecnoloxías que nos achegan á Sociedade da Información son unha ferramenta clave para loitar contra as desigualdades e as exclusións sociais. Constitúen un instrumento idóneo para o crecemento harmónico, incorporando novos elementos competitivos baseados na investigación, o desenvolvemento e a segregación, xusto cando xa conseguimos que as barreiras xeográficas deixasen de ser fronteiras económicas e culturais”.

- “A gran cidade dixital na que queremos converter a Galicia nace desde unha convicción: estamos preparados para competir nunha economía globalizada, na que a creatividade e a innovación son elementos consubstanciais á creación de riqueza”.

- “As novas tecnoloxías constitúen, ademais, unha ferramenta para fortalecer o exercicio da cidadanía, asegurando un acceso máis aberto ao goberno, ás autoridades públicas e aos servizos básicos que demanda a sociedade”.

- “Mais non se alcanzará o beneficio pleno da Sociedade da Información mentres persista unha fenda dixital entre os que teñen e os que non teñen acceso ás novas tecnoloxías e a educación necesaria para o seu uso efectivo”.

- “O proxecto que presentamos hoxe aquí é un claro exemplo de cooperación, esforzo compartido e dedicación de organismos públicos e privados para a construción dun novo modelo de sociedade”.

- “Mostra desta cooperación é a implicación de tres Consellerías da Xunta de Galicia no desenvolvemento do proxecto, ademais dos concellos beneficiarios e do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio”.

- “Non debemos esquecer a importante labor das empresas privadas e dos operadores de telecomunicacións nesta iniciativa. Neste senso, quero agradecer moi especialmente a importante colaboración económica de Caixa Galicia cos tres concellos implicados no proxecto Cidades dixitais: A Estrada, Vilalba e As Pontes de García Rodríguez”.

- “O proxecto Cidades Dixitais de Galicia contempla actuacións principais, que se realizan no concello de A Estrada (Programa A Estrada Dixital), e actuacións complementarias, que se executarán nos Concellos de Vilalba e As Pontes de García Rodríguez (programa Vilas Dixitais)”.

- “Os obxectivos básicos que se pretenden acadar coa súa implantación son dous. Por un lado, transformar as formas de comunicación entre os cidadáns, entre estes e a Administración local e de toda a cidadanía co exterior. E por outro lado, converter a todos os que viven e traballan nestes concellos (habitantes, organizacións, administracións, tecido empresarial, etc.) en axentes activos do novo modelo de sociedade”.

- “Sen dúbida, a posta en marcha deste proxecto supón para Galicia, un paso máis no seu camiño cara a modernización tecnolóxica, o estreitamento da chamada ‘brecha dixital’ e o aproveitamento das sinerxías derivadas da cooperación dos axentes económicos, políticos e sociais”.

- “É unha acción coherente cun Plan Estratéxico do que forman parte as numerosas actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar para o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia. Desde a extensión da banda ancha á xeneralización dixital e a creación dunha ampla rede de accesos públicos a Internet”.

- “Un exemplo do esforzo que estamos a facer constitúe o feito de que Galicia será a primeira Comunidade Autónoma española en conectar toda a súa rede de bibliotecas a Internet. En 2005, quedarán incorporadas á rede as 338 bibliotecas públicas municipais a través do programa estatal Internet nas Bibliotecas. Unha inversión da Xunta de Galicia que supera os dous millóns de euros fixo posible que cada unha desas bibliotecas sexa, ademais dun acceso á cultura nos formatos convencionais, un punto de acceso, público e gratuíto, á Sociedade da Información”.

- “Outra prioridade do noso Plan Estratéxico é a creación de servizos e contidos de interese para os cidadáns. A promoción do emprego, o traballo a distancia, as plataformas de información e, en definitiva, todas aquelas medidas que contribúan á mellora individual e colectiva no terreo económico e social, facilitando a creación de servizos públicos, impulsando o desenvolvemento da Sociedade da Información na Administración local e impulsando o desenvolvemento tecnolóxico das empresas”.

FICHA TÉCNICA:

O I Foro Permanente de Cidades Dixitais de Galicia fará unha análise das actuacións executadas en A Estrada, Vilalba e As Pontes de García Rodríguez coa posta en marcha, en setembro de 2004, do proxecto Cidades Dixitais ao abeiro do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O proxecto Cidades Dixitais de Galicia desenvólvese entre os anos 2004 e 2007, atopándose na actualidade, a execución das actuacións moi avanzada. Estas accións consisten na implantación de servizos básicos da sociedade da información, de cara a concienciar e habituar a poboación no seu uso, como a tele-administración, o comercio-negocio electrónico, teleformación, xestión de servizos públicos, aplicacións á cultura, turismo e ocio, todo iso a través das redes de telecomunicacións de alta velocidade.

O orzamento do proxecto ascende a 6,2 millóns de euros achegados polas seguintes administracións:

- Ministerio de Industria, Turismo e Comercio: 2,9 millóns €
- Xunta de Galicia: 1 millón €
· Cultura, Comunicación Social e Turismo: 666.000 €
· Innovación, Industria e Comercio: 180.000 €
· Xustiza, Interior e Administración Local: 180.000 €

- Concello de A Estrada: 1,5 millóns €
- Deputación Provincial de Pontevedra: 180.000 €
- Concello de As Pontes de García Rodríguez: 135.000 €
- Concello de Vilalba: 64.734 €

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia