Skip to main content

Caixa Galicia e a Sociedade Nanfor colaboran con Rof Codina mediante dous convenios asinados por Currás

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, na súa calidade de presidente da Fundación Rof Codina, presidiu a XIX Reunión Ordinaria do Padroado desta entidade.

Nesta xuntanza foron presentadas as memorias Económica e de Actividades do ano 2004, ademais de ser ratificado o orzamento da fundación para 2005, que será de un millón de euros.

Entre as iniciativas desenvolvidas durante o pasado ano destaca o desenvolvemento de seis cursos para posgraduados en Ciencias Biomédicas, así como 10 proxectos de investigación.

Ademais, deuse conta da actividade realizada polo hospital veterinario da fundación. Este centro dispón dunha completa infraestrutura de medios de actividade asistencial de animais, e no mesmo foron atendidos o ano pasado ata 6.000 casos clínicos.

Por outra parte, trala reunión os membros do padroado asinaron dous convenios, un con Caixa Galicia Obra Social e outro coa Sociedade Mercantil NANFOR. O primeiro dos acordos, por un importe de 12.000 euros, servirá para asumir os gastos xerados polo Servizo Ambulatorio de Animais de Renda (SAAR) e para promover a formación de residentes especialistas en Grandes Animais durante o ano 2005.

O convenio coa Sociedade Mercantil NANFOR, dedicada á produción de alimentos de animais domésticos, é por un importe de 6.000 euros que se destinarán a sufragar o programa de residentes.

A sinatura destes convenios pon de manifesto a estreita colaboración que hai entre a universidade galega e o tecido empresarial do seu contorno, cada vez máis interesado na docencia e nese corpo de investigadores que se forman nos centros públicos de ensino superior.

Non obstante, dende a fundación lucense insístese na conveniencia de que haxa aínda máis implicación por parte das entidades privadas para que o sector primario galego poida harmonizar a súa calidade característica cunha modernización necesaria, co obxectivo compartido de que a competitividade adquirida non vaia en detrimento do desenvolvemento sostible.

CREACIÓN DO CENTRO

Como se recordará, a Fundación Rof Codina naceu no ano 1994 froito da colaboración da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial lucense e do Concello de Lugo coa intención de complementar a docencia veterinaria cunha formación clínica práctica de nivel hospitalario.

Este acordo permitiu que un ano despois comezase a funcionar o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina (HCV-RC) no que nos últimos anos houbo un incremento considerable de casos clínicos atendidos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia