Skip to main content

No 70% dos fogares galegos sepárase algún tipo de residuo

O 70 por cento dos fogares galegos separa algún dos residuos para o seu posterior depósito no colector correspondente, segundo o estudo Hábitos e actitudes da poboación española fronte á separación e recollida selectiva de residuos, elaborado por Ecoembes en colaboración co instituto de investigación de mercados Millward Brown. Galicia supera a media nacional na separación dalgún tipo de refugallo do lixo normal, xa que só o 69 por cento do conxunto de fogares españois ten este hábito fronte ao 70 por cento rexistrado na comunidade galega.

O estudo reflicte que o 40 por cento dos fogares galegos separa todos os residuos que produce, xa sexan envases lixeiros, vidro ou papel-cartón. Así, no 42,4 por cento dos fogares separa envases de plástico; o 42,1 por cento selecciona envases tipo brick; o 37,1 por cento separa as latas e botes metálicos; o 61,5 por cento selecciona o vidro; e o 63,3 por cento separa o papel e cartón.

Ademais, segundo os datos recollidos no documento elaborado por Ecoembes, incrementouse o número de fogares galegos que dispoñen de varios recipientes axeitados para separar os distintos tipos de residuos. Na actualidade o 96 por cento das familias de Galicia organiza e selecciona os refugallos nas súas casas en varios depósitos, una cifra superior á media nacional, que se sitúa no 86 por cento.

MOTIVOS AMBIENTAIS

As persoas consultadas declararon que o principal motivo polo que separan os residuos domésticos é o de contribuír ao coidado do medio natural, un 64 por cento. O 62 por cento dos consultados afirmou que separa os residuos para facilitar a posterior reciclaxe e un 50 por cento máis alegou que se motiva pola dispoñibilidade dos distintos colectores. Cómpre sinalar que un 41 por cento dos galegos que separa algún residuo doméstico faino por satisfacción persoal.

Pola contra, o 44 por cento dos fogares galegos alega que non participa na recollida selectiva por falla de costume á hora de separar os residuos, mentres que un 16 por cento di que non o fai porque xera pouca cantidade de refugallos e outro 10 por cento indica como motivo para non colaborar o esforzo engadido que supón seleccionar o lixo.

Por outra banda, o 57 por cento dos consultados alegan abandono cando se lles pregunta cales cren que son os motivos polos que os galegos non separan os residuos. Un 19 por cento máis considera que a poboación non participa na recollida selectiva por falla de tempo e outro 16 por cento pensa que a falla de costume é o principal motivo.

MULLERES, PROTAGONISTAS ACTIVAS

No estudo de hábitos fronte á recollida selectiva elaborado por Ecoembes cómpre salientar o dato que sitúa as mulleres galegas como protagonistas na selección dos refugallos nos seus fogares. As mulleres son as que promoven a recollida selectiva xa que, segundo as consultas, un 54 por cento destas mulleres responsabilízase das tarefas de separación do lixo, por riba de calquera outro membro do fogar (26 por cento) e dos pais ou esposos, dos que só un 15 por cento contribúe á separación dos residuos.

As persoas que participaron na enquisan manifestaron ter un alto grao de coñecemento dos colectores e dos residuos que deben depositarse en cada un deles. Aínda así, detectouse como principal erro que o 23 por cento dos fogares galegos introduce obxectos de plástico no colector amarelo, no que só deben depositarse envases de plástico, latas e envases tipo bricks. Ademais, os galegos e galegas levan os residuos aos colectores amarelos entre dúas e tres veces á semana, mentres que os residuos de papel-cartón e vidro lévanse aos colectores entre unha e tres veces á semana.

PUNTO VERDE

O Punto Verde, símbolo que identifica aos produtos de envases que están adheridos ao Sistema Integrado de Gestión (SIG) de Ecoembes, é identificado polo 51 por cento dos consultados nesta enquisa. Destes fogares, sete de cada dez asocian este símbolo a aspectos relacionados coa reciclaxe.

O 73 por cento dos fogares de Galicia recoñecen aos concellos ou mancomunidades como organismos responsables da recollida selectiva e valoran moi positivamente a súa xestión. Nesta liña, as persoas consultadas tamén consideran moi positiva a situación dos colectores amarelos (de envases lixeiros) nas súas zonas de residencia e salientan especialmente a facilidade e comodidade para depositar os refugallos, así como a frecuencia coa que son baleirados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia