Skip to main content

Manuel Fraga cualifica a atención primaria como unha peza fundamental do servizo sanitario galego

“Neste momento, a Atención Primaria de Saúde, sen ningunha dúbida, é unha peza fundamental de calquera sistema sanitario, xa que é a súa principal porta de entrada”. Así o expuxo o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, no decurso da inauguración do novo Centro de Saúde Valle Inclán de Ourense. A Administración sanitaria executou neste centro unha actuación que se dividiu en ampliación (xa inaugurada) e en reforma das instalacións, inaugurada. En total a Xunta investiu en ámbalas dúas dúas fases máis de 3 millóns de euros.

Durante a súa intervención, Manuel Fraga referiuse á prestación dunha atención sanitaria accesible e de calidade como un “dos eixes da política do noso Goberno”; “unha atención que responda satisfactoriamente ás necesidades de saúde dos cidadáns”, apuntou.

Neste sentido e concretando a asistencia sanitaria que se presta en Ourense, Manuel Fraga destacou que na cidade das Burgas atópanse cinco centros de saúde e o Complexo Hospitalario de Ourense, inmerso, na actualidade, “nun importante Plan director”, no que colaboran o Concello ourensán e a Deputación provincial.

MANTER O NIVEL DE SERVIZO

“O Centro de Saúde Valle Inclán –salientou Manuel Fraga- xa foi ampliado con anterioridade, e hoxe estamos aquí para inauguralo tras unha importante reforma, unha proba máis dos esforzos por manter o nivel de servizo e responder ás necesidades dos ourensáns”.

Segundo explicou o presidente da Xunta, o Centro de Saúde Valle Inclán é de referencia para máis de 25.000 cidadáns e conta cunha das carteiras de servizos “das máis completas”, con programas de atención domiciliaria, fisioterapia, programas de atención a pacientes crónicos, actividades preventivas para todos os grupos de idade, atención á muller e ao neno, cirurxía menor, farmacia e atención a drogodependentes.

O Centro de Saúde Valle Inclán dispón na actualidade, duns 4.000 metros cadrados “axeitados para que os case 50 profesionais que aquí traballan poidan desenvolver os seus labores”, sentenciou Manuel Fraga.

DÚAS FASES

As obras executáronse en dúas fases: ampliación e reforma. Esta última incluíu a remodelación e reforma interior do antigo edificio; a redistribución de estancias; apertura de novas salas de consulta; ampliación de salas de espera; remodelación da circulación interior e accesos; cambio de acabados e colocación de novas instalacións de aire acondicionado para calefacción e frío.

No edificio remodelado emprázanse a totalidade de consultas médicas e de enfermería do servizo de mañá, ademais das áreas da muller e odontoloxía.

As dúas actuacións realizadas (ampliación e reforma) permitiron a implantación do servizo de fisioterapia cunha nova sala, ao tempo que se melloraron as infraestruturas destinadas a pediatría, creouse unha área didáctica; e mellorouse o espazo destinado ao programa da muller, que conta no edificio reformado cunha ampla sala de educación maternal para a realización dos cursos de preparación do parto e nova sala de exploracións.

Ao acto de inauguración deste centro de saúde acudiron ademais do presidente da Xunta; o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez; a titular de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado; o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas; e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO NOVO CENTRO DE CENTRO DE SAÚDE VALLE INCLÁN

- “Un dos eixes da política do noso Goberno, da nosa Administración, é prestar unha atención sanitaria accesible e de calidade. Unha atención que responda satisfactoriamente ás necesidades de saúde dos cidadáns”.

- “Neste momento, a Atención Primaria de Saúde, sen ningunha dúbida, é unha peza fundamental de calquera sistema sanitario, xa que é a súa principal porta de entrada. Por iso paga a pena facer un esforzo de achegamento aos cidadáns, mellorar a súa accesibilidade”.

- “Na cidade de Ourense temos distintas infraestruturas, catro centros de saúde e máis este no que nos atopamos, e o Complexo Hospitalario de Ourense, na actualidade tamén inmerso nun importante Plan director, para o que por certo, contamos coa colaboración, sempre valiosa, do Concello e da Deputación de Ourense”.

- “O Centro de Saúde Valle Inclán xa foi ampliado con anterioridade, e hoxe estamos aquí para inauguralo tras unha importante reforma, unha proba máis dos esforzos por manter o nivel de servizo e responder ás necesidades dos ourensáns”.

- “Este centro é de referencia para máis de 25.000 cidadáns. A súa carteira de servizos é ampla, das máis completas, con programas de atención domiciliaria, fisioterapia, programas de atención a pacientes crónicos, actividades preventivas par todos os grupos de idade, atención á muller e ao neno, cirurxía menor, farmacia e atención a drogodependentes”.

- “Con esta ampliación, o espazo dispoñible achégase aos 4.000 metros cadrados, axeitado para que os case 50 profesionais que aquí traballan poidan desenvolver os seus labores. Como indicador da magnitude do investimento realizado, dicir que supera os tres millóns de euros”.

FICHA TÉCNICA:

Novo Centro de Saúde Valle Inclán

- Investimento: 3.021.322,33 euros
- Superficie reformada útil (fase reforma): 1.539 metros cadrados

As obras executáronse en dúas fases: ampliación (xa inaugurada) e reforma. Esta última, inaugurada hoxe, incluíu a remodelación e reforma interior do antigo edificio; a redistribución de estancias; apertura de novas salas de consulta; ampliación de salas de espera; remodelación da circulación interior e accesos; cambio de acabados e colocación de novas instalacións de aire acondicionado para calefacción e frío.

Neste edificio emprázanse a totalidade de consultas médicas e de enfermería do servizo de mañá, ademais das áreas da muller e odontoloxía.

As obras realizadas (ampliación e reforma) permitiron a implantación de fisioterapia cunha nova sala, ao tempo que se melloraron as infraestruturas destinadas a pediatría, creouse unha área didáctica; mellorouse o espazo destinado ao programa da muller, que conta no edificio reformado cunha ampla sala de educación maternal para a realización dos cursos de preparación do parto e nova sala de exploracións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia