Skip to main content

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal e os concellos de Terra de Celanova levarán a cabo un proxecto de toponimia na comarca

Na orde do día da reunión tamén foi dado a coñecer o orzamento desta Fundación para o ano 2005, que ascende a 54.045 euros, así como o Plan de Traballo anual no que se recollen, entre outras, accións referidas ao fornecemento e modernización do sector produtivo, agro gandeiro e forestal, á consolidación do sector turístico como motor de desenvolvemento da comarca, á dinamización do sector artesanal, á promoción do emprego na comarca, á aplicación de novas tecnoloxías ao desenvolvemento dos recursos comarcais, ao fomento de actividades socio culturais e ambientais, ao fomento do asociacionismo e de apoio a colectivos da comarca e á cooperación co norte de Portugal.

CONVENIOS TOPONIMIA

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia asinou un convenio con todos os Concellos da comarca de Terra de Celanova para realizar un inventario de toda a microtoponimia da comarca, que ten unha dobre finalidade: axudar á recuperación e conservación do patrimonio toponímico e contribuír á actualización e mellora das bases cartográficas existentes, tanto en cantidade como en calidade, aproveitando o asesoramento da Comisión de Toponimia e os medios técnicos existentes no SITGA. A base de datos resultante da investigación incorporarase á base do Proxecto Toponimia de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia