Skip to main content

Santiso Miramontes valora a concentración de terras como un excelente recurso para mellorar as posibilidades da agricultura e gandeiría

Un total de 60 propietarios de fincas da parroquia de Novás, no concello de Xinzo de Limia, recibiron os títulos de propiedade das súas terras concentradas, nun acto celebrado na Casa da Escola Vella de Novás e presidido polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes.

VANTAXES

No transcurso da entrega, o conselleiro explicou que os procesos de concentración parcelaria “ofrécenos a oportunidade de seguir mellorando as posibilidades da agricultura e da gandería, achegando unha rendibilidade adecuada e proporcional ao esforzo desenvolvido”. O titular de Política Agroalimentaria rematou agradecendo a xenerosidade e a participación dos afectados nestes traballos, á vez que afirmou que “Xinzo de Limia continuará sendo un foco principal de atención nas actuacións de modernización e adecuación das infraestruturas, tanto de accesos como de equipamentos comunitarios e servizos hidráulicos”.

SUPERFICIE QUINTUPLICADA
Os traballos de concentración parcelaria rematados afectaron a unha superficie de 269 hectáreas, cun total de 2.498 fincas pertencentes a 303 propietarios. O proceso permitiu incrementar a superficie media das parcelas desde as 10,76 áreas ata as 56,51 áreas, reducindo o número de fincas a 476. O investimento total realizado pola Consellería foi de 689.057 euros. Coa superficie reunida con esta nova actuación, a extensión concentrada no concello de Xinzo de Limia elévase ás 7.765 hectáreas, correspondentes a 14 zonas, nas que se investiron 20,3 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia