Skip to main content

Manuel Fraga reitera o firme compromiso da Xunta coas empresas familiares que representan o 65% do PIB galego e preto do 80% do emprego privado

“O Goberno galego reitera o seu firme compromiso coas empresas familiares para apoialas con cantas medidas e propostas contribúan a este obxectivo, pois estamos convencidos de que o seu éxito está directamente vinculado ao benestar de todas as galegas e os galegos”. Así de contundente se mostrou o presidente da Xunta, Manuel Fraga, na clausura do I Encontro Galego de Empresa Familiar, que se desenvolveu na cidade de Ourense.

O titular do Goberno galego xustificou este decidido apoio ás empresas familiares polo peso que estas entidades teñen no tecido produtivo, tanto en termos de Produto Interior Bruto, ao representar o 65 por cento do PIB galego, como en termos de emprego, acumulando case o 80 por cento do emprego privado. “A Xunta de Galicia –manifestou de novo Manuel Fraga- apoia decididamente tanto a estas entidades como ao conxunto dos emprendedores, pois somos conscientes de que do seu labor cotián depende, en boa medida, o progreso da nosa terra”.

NOVOS RETOS DE FUTURO

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén se referiu aos retos aos que se teñen que enfrontar estas empresas familiares ao existir unha nova maneira de entender as relacións comerciais, motivadas por factores como a globalización ou o uso crecente das novas tecnoloxías. Por iso estimou oportuno que os responsables destas entidades “profesionalicen a súa xestión”, mediante a mellora dos propios coñecementos e acudindo a expertos na materia.

“Tamén é importante fomentar a innovación dentro da empresa, involucrando a cantos traballan nela e alentando as novas iniciativas”, engadiu Manuel Fraga, quen tamén sinalou como outro dos grandes desafíos das empresas familiares a necesidade de incrementar a súa presenza no exterior. Para afrontar este último reto, o titular do Goberno galego apostou porque estas entidades aproveiten todas as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, maximizando o seu potencial na busca de novos mercados.

SUCESIÓN INTERXERACIONAL

Non obstante, o presidente da Xunta considerou como “un dos temas máis importantes” para o futuro destas entidades o da súa sucesión. Neste sentido sinalou que, en España, as expectativas de vida dunha empresa familiar son menores que as dunha empresa non familiar, segundo revelan as estatísticas, xa que tan só entre o 10 e o 15 por cento logran superar con éxito a transición entre a primeira e a segunda xeración. “É necesario pois –considerou Manuel Fraga- que nas deliberacións familiares prevaleza unha perspectiva de futuro que permita garantir a permanencia da empresa da man dos seus sucesores, atendendo sobre todo a criterios profesionais”.

Nos últimos anos, a Xunta xa puxo en marcha diferentes medidas para reforzar as empresas familiares incidindo, principalmente, nos eidos formativo e fiscal. Entre elas destaca, precisamente, a supresión do imposto de sucesións, que facilita o traspaso interxeracional das sociedades. Ademais, o Goberno galego tamén ten apoiado diversos cursos de posgrao de especialistas en empresa familiar, cun carácter máis técnico e intenso, organizados polas universidades.

I ENCONTRO GALEGO DE EMPRESA FAMILIAR

O I Encontro Galego de Empresa Familiar, celebrado no Auditorio de Ourense e inaugurado esta mañá pola titular de Asuntos Sociais, contribuíu, segundo Fraga, “a ofrecer respostas sobre estas materias”, permitindo tamén coñecer os aspectos máis relevantes para o futuro destas empresas, a través de novas perspectivas e puntos de vista.

A xornada de hoxe, promovida pola Cámara de Comercio de Ourense e pola Asociación Galega de Empresa Familiar, en colaboración coa Xunta, acolleu diversas mesas redondas e relatorios, baixo o título de Factores de éxito na sucesión. O consello mentor, O proceso de transición xeracional ou A internacionalización como fórmula de crecemento da empresa familiar.


PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA CLAUSURA DO I ENCONTRO GALEGO DE EMPRESA FAMILIAR

- “A Xunta de Galicia apoia decididamente tanto a estas entidades como ao conxunto dos emprendedores, pois somos conscientes de que do seu labor cotián depende, en boa medida, o progreso da nosa terra”.

- “O principio do século está a traer consigo novos cambios na forma de entender as relacións comerciais, debido a realidades como a globalización ou o uso crecente das novas tecnoloxías (...) Para afrontar eses retos será necesario que os responsables destas empresas profesionalicen a súa xestión, tanto mediante unha mellora dos propios coñecementos como acudindo a expertos na súa materia”.

- “Tamén é importante fomentar a innovación dentro da empresa, involucrando a cantos traballan nela e alentando as novas iniciativas”.

- “Outro dos grandes desafíos aos que se enfrontan estas entidades é o representado pola necesidade de incrementar a súa presenza no exterior. Para acometer con éxito a súa internacionalización deberán aproveitar todas as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, maximizando o seu potencial na busca de novos mercados”.

- “Non obstante, un dos temas máis importantes para o futuro das empresas familiares é o da sucesión. Segundo as estatísticas, as expectativas de vida dunha empresa familiar son menores que as dunha empresa non familiar. En España, estímase que unicamente entre o 10 e o 15% daquelas logran superar con éxito a transición entre a primeira e a segunda xeración”.

- “É necesario, pois, que nas deliberacións familiares prevaleza unha perspectiva de futuro que permita garantir a permanencia da empresa da man dos seus sucesores, atendendo sobre todo a criterios profesionais”.

- “A importancia das empresas familiares no tecido produtivo, en termos de PIB e emprego, indica que da súa xestión e desenvolvemento futuros dependerá boa parte do progreso económico da nosa Comunidade. Por este motivo, o Goberno galego reitera o seu firme compromiso coas empresas familiares para apoialas con cantas medidas e propostas contribúan a este obxectivo, pois estamos convencidos de que o seu éxito está directamente vinculado ao benestar de todas as galegas e galegos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia