Skip to main content

A mellora das condicións económicas, o aumento do nivel de instrucción e a prolongación da convivencia conxugal, principais avances na vida dos maiores

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, anunciou que entre os avances que se esperan que se produzan na vida dos maiores destacan a mellora das condicións económicas, “que permitirán vivir ata idades avanzadas á poboación nas súas propias residencias”; o aumento no nivel de instrucción, “o que repercute na calidade de vida”; e a prolongación do período de tempo da convivencia conxugal da poboación madura. O mandatario galego inaugurou o XII Congreso Nacional da Sociedade Española de Enfermería Xeriátrica e Xerontolóxica que se desenvolve baixo o título de A vellez, futuro de mozos, no que participou o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego indicou que o gran reto ao que se enfronta a Xerontoloxía é “contar con suficientes profesionais na materia para dar cobertura ás crecentes necesidades”. Neste sentido, Manuel Fraga referiuse ás manifestacións do doutor Mayán, especialista na materia, nas que destacaba a importancia da formación expertos desde unha visión multidisciplinar, “de maneira que se poda abarcar a ‘asistencia integral’ aos maiores desde o punto de vista social, clínico, psicolóxico e funcional”.

MEDIO MILLÓN DE PERSOAS CON 65 ANOS

Manuel Fraga remontouse aos anos 30 do século XX, cando en España a esperanza de vida era de 52 anos para a muller e de 48 para os homes. “En menos de un século, a media en Galicia é de 79 anos, 75 para os homes e 83 para as mulleres”, salientou o presidente da Xunta ao tempo que engadiu que “unha das consecuencias é que máis de medio millón de persoas, un 20% da poboación, ten na actualidade máis de 65 anos”.

“Se a caída da mortalidade infantil –engadiu Manuel Fraga- ata cifras case inmellorables fixo que a morte dun neno se convertera en algo excepcional na nosa sociedade, o retroceso da mortalidade a idades maduras e avanzadas está producindo tamén o mesmo efecto na poboación adulta”.

Segundo subliñou o titular do Goberno galego, “estas novas expectativas tradúcense, na vida persoal dos individuos, nunha nova concepción do período vital no que se atopan”, “un período que transforma as traxectorias e os proxectos vitais destas xeracións, así como o tempo e o ritmo no que se desenvolven”.

O presidente da Xunta destacou ademais que en ocasións, se dá unha imaxe estigmatizada do que supón a vellez, atribuíndo características, normalmente negativas, de individuos particulares ao total da poboación maior. “Tamén se anunciou incluso o final da solidariedade familiar, exemplificándoo con imaxes de anciáns pobres, solos e perdidos, cun escaso nivel de instrucción, nun mundo que avanza a pasos de xigante”, destacou Manuel Fraga

“A situación da poboación maior –engadiu o presidente da Xunta- mellorou substancialmente en todos os aspectos. A novidade deste fenómeno radica en que estas melloras estanse producindo desde hai escasas décadas, o que converte a estas xeracións, que chegan coa maioría dos efectivos iniciais vivos, nos pioneiros en experimentar estas melloras”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO XII CONGRESO NACIONAL DA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE ENFERMERÍA XERIÁTRICA E XERONTOLÓXICA
‘A VELLEZ, FUTURO DE MOZOS’

- “Sen necesidade de remontarnos máis aló, no ano 1930, en España a esperanza de vida era de 52 anos para a muller e de 48 para os homes. En menos dun século, a media en Galicia é de 79 anos, 75 para os homes e 83 para as mulleres”.

- “Unha das consecuencias é que máis de medio millón de persoas, un 20% da poboación, ten na actualidade máis de 65 anos. E segundo as previsións, esta porcentaxe irá en aumento”.

- “Se a caída da mortalidade infantil ata cifras case inmellorables, fixo que a morte dun neno se convertera en algo excepcional na nosa sociedade, o retroceso da mortalidade a idades maduras e avanzadas está producindo tamén o mesmo efecto na poboación adulta”.

- “Estas novas expectativas tradúcense, na vida persoal dos individuos, nunha nova concepción do período vital no que se atopan. Período que transforma as traxectorias e os proxectos vitais destas xeracións, así como o tempo e o ritmo no que se desenvolven”.

- “En ocasións, dáse unha imaxe estigmatizada do que supón a vellez, atribuíndo características, normalmente negativas, de individuos particulares ao total da poboación maior. Tamén se anunciou incluso o final da solidariedade familiar, e exemplificándoo con imaxes de anciáns pobres, solos e perdidos, cun escaso nivel de instrucción, nun mundo que avanza a pasos de xigante”.

- “A situación da poboación maior mellorou substancialmente en todos os aspectos. A novidade deste fenómeno radica en que estas melloras estanse producindo desde hai escasas décadas, o que converte a estas xeracións, que chegan coa maioría dos efectivos iniciais vivos, nos pioneiros en experimentar estas melloras”.

- “Entre os avances que se espera que se produzan na vida dos maiores destacarán os seguintes: mellora das condicións económicas, que permitirán vivir ata idades avanzadas á poboación nas súas propias residencias; aumento no nivel de instrucción, o que repercute na calidade de vida; e prolongación do período de tempo da convivencia conxugal da poboación madura. Tamén se prevé que o período de viuvedade se prolongue para as mulleres como consecuencia da persistencia da mortalidade diferencial entre homes e mulleres”.

- “O gran reto ao que se enfronta (a Xerontoloxía) con vista ao futuro é contar con suficientes profesionais na materia para dar cobertura ás crecentes necesidades”.

- “Neste sentido, o doutor Mayán, especialista na materia, destacou a importancia da formación de expertos desde unha visión multidisciplinar, de maneira que se poda abarcar a ‘asistencia integral’ aos maiores desde o punto de vista social, clínico, psicolóxico e funcional”.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia