Skip to main content

Barreiro presenta en Melide o novo sistema de recollida de envases fitosanitarios

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, desprazouse ata a Melisanto Sociedade Cooperativa Galega, situada no concello coruñés de Melide, para presentar o sistema de recollida de residuos de envases fitosanitarios. No decurso do acto o titular de Medio Ambiente estivo acompañado pola directora xeral de Sigfito, Rocío Pastor Matut; o presidente de Melisanto, José Varela; o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Miguel Fernández Rodríguez; e a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez Mejuto, entre outros.

Xosé Manuel Barreiro coñeceu de primeira man o servizo de recollida e xestión de envases baleiros de produtos fitosanitarios que permite o tratamento axeitado dos residuos deste tipo que se producen en Galicia. Esta iniciativa púxose en marcha a través do acordo asinado en 2003 polas consellerías de Medio Ambiente e Política Agroalimentaria coa entidade Sigfito Agroenvases.

PUNTOS DE RECOLLIDA

Melisanto Sociedade Cooperativa Galega é un dos 101 centros xa operativos en Galicia onde se poden depositar os residuos de envases fitosanitarios. Nestes puntos recóllense e almacénanse os refugallos ata o seu traslado ás plantas de tratamento onde se lles procura unha xestión correcta e respectuosa co contorno natural.

Por localización, A Coruña é a provincia co maior número de centros de recollida de envases fitosanitarios, cun total de 39 espazos. Pontevedra dispón doutros 38 lugares de recollida de residuos deste tipo, mentres que en Lugo e Ourense localízanse 16 e oito centros máis, respectivamente.

As instalacións deben cumprir cunha serie de requisitos ambientais para recoller e almacenar os envases fitosanitarios, xa que se trata de residuos perigosos que precisan dunha xestión especial que garanta a protección do medio natural e da calidade de vida da poboación.

ADHESIÓN POR CONCELLOS

Por concellos, funciona xa o sistema de recollida de envases fitosanitarios nos concellos da Capela, Laracha, Boqueixón, Carballo, Curtis, Frades, Melide, Ames, O Pino, Monfero, Narón, Ordes, Paderne, Tordoia, Negreira, Ortigueira, A Pastoriza, Carballedo, Chantada, Palas de Rei, Friol, Lugo, Monterroso, Pol, Portomarín, Ribadeo, Taboada, Carballedo, Cenlle, Xinzo de Limia, Ourense, Barro, A Estrada, Cambados, Forcarei, Ponteareas, Sanxenxo, Silleda, Salcedo, Ponteceso, Verín, Bande, Rodeiro, Santa Comba, Sarria, Zas, Meira, Castro Ribeiras de Lea, Pontedeume, Mesía, Escairón, Rábade, Trazo, Moeche, As Pontes, Meaño, O Grove, Poio, Mazaricos, Cambre, Noia, Foz, Vigo, Redondela, O Porriño, Pontevedra, Vilanova de Arousa, O Rosal, A Guarda, Lalín, Santiago, Arzúa, Rois, Cerceda, Betanzos, Val do Dubra, Touro e Silleda.

Ademais, están en proceso de tramitación e adecuación de instalacións os centros situados nos concellos de Arzúa, O Pino, Xermade, Lalín e Amoeiro.

PRODUCIÓN DE ENVASES

Segundo os datos que manexa a entidade Sigfito, cada ano prodúcense en Galicia preto de 150 toneladas de residuos de envases fitosanitarios, o que supón o 2,24 por cento do total nacional. A iniciativa de xestión destes refugallos promovida pola Xunta e Sigfito ten como principal obxectivo ofrecer aos usuarios destes produtos unha solución eficaz a súa xestión e tratamento. Co sistema de recollida posto en marcha, aos agricultores non lles supón ningún custo a xestión destes residuos, mentres que a Xunta garante que o tratamento non supón ningún risco nin para o medio ambiente nin para as persoas.

A través deste sistema recóllense os envases e residuos de envases dos produtos fitosanitarios identificados co logotipo Sigfito, utilizados por empresas agrarias e agricultores. Asemade, recolleranse aqueles outros identificados co mesmo símbolo que, non sendo fitosanitarios nin perigosos, se comercialicen normalmente polas empresas do sector e no mesmo sector agrario.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia