Skip to main content

A Xunta incrementou en 3.500 as prazas públicas en residencias da terceira idade entre 1989 e 2004

A Xunta de Galicia atópase inmersa nun proceso de ampliación da rede de equipamentos residenciais destinados á atención á terceira idade, segundo explicou o titular do Goberno galego. Neste sentido, engadiu que dá boa conta desta realidade o feito de que das 1.600 prazas sostidas con fondos públicos que había en 1989 pasouse ás 5.137 coas que rematou 2004. O máximo mandatario galego inaugurou esta mañá o Centro Residencial Nova Vida, emprazado en Vilaboa (Pontevedra), con capacidade de 193 residentes e 40 persoas no centro de día. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Sanidade, Xosé Manuel González; o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.

“Todos somos conscientes –sinalou Manuel Fraga- da importancia crecente que o colectivo de persoas maiores de 65 anos está acadando no conxunto da poboación galega”. Así, desde a Xunta de Galicia, estase a prestar atención ás súas “variadas necesidades” mediante unha estratexia global que permita que “o envellecemento das persoas non sexa un obstáculo insalvable para a súa participación na vida activa da sociedade”.

Neste sentido, o máximo mandatario galego sinalou que un dos principais retos aos que se enfronta o Goberno galego á hora de atender as necesidades dos maiores é o da dependencia, e por iso, a Xunta céntrase en desenvolver accións de prevención da dependencia e de atención á mesma.

CAMBIO SOCIODEMOGRÁFICO

“Galicia –continuou dicindo-, ao igual que o conxunto de España, está a experimentar un cambio importante na súa configuración sociodemográfica”. Así, a esperanza de vida aumenta, as estruturas familiares modifícanse, aparecen dificultades para compaxinar o traballo e a atención á familia e ao fogar, o tamaño dos fogares é máis reducido, e en definitiva,” as persoas maiores con necesidade de coidados ven como cada día é máis complicado que estes lles sexan proporcionados polos seus familiares, como viña sucedendo tradicionalmente”.

Referíndose ao novo Centro Residencial de Vilaboa, Manuel Fraga salientou que abre as súas portas tras un proceso de deseño e construción que tivo lugar no marco do Plan Igape. “Este plan –engadiu- é unha iniciativa da Xunta de Galicia creada co obxectivo de servir de estímulo á creación de novos centros residenciais en Galicia”.

A través deste Plan, explicou Manuel Fraga, a Xunta comprometíase a financiar os custos de construción de 21 residencias en toda Galicia a cambio dunha reserva de prazas públicas. “Este é un exemplo de traballo conxunto da Administración e a iniciativa privada, co fin último de ofrecer un servizo de calidade ás persoas maiores e ás súas familias”, afirmou o titular do Goberno galego.

CARACTERÍSTICAS

Cunha superficie total construída de 9.748,10 m2, e un entorno de xardíns de 7.239,91 m2, a Residencia Nova Vida, S.A. dispón de 36 habitacións dobres e 121 simples. Ademais, ofrece un servizo de atención ás persoas maiores válidas e asistidas, cunha carteira de servizos que permite tanto as estancias permanentes como temporais, así como as estancias en réxime de centro de día.

As instalacións ofrecen aos clientes espazos ben deseñados, funcionais, seguros e accesibles, pero tamén cálidos, luminosos, e con elementos decorativos e non hospitalarios.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO CENTRO RESIDENCIAL NOVA VIDA DA TERCEIRA IDADE

- “Esta residencia abra as súas portas tras un proceso de deseño e construción que tivo lugar no marco do Plan Igape. Este plan é unha iniciativa da Xunta de Galicia creada co obxectivo de servir de estímulo á creación de novos centros residenciais en Galicia, e que agora estamos comezando a ver plasmada na realidade coa apertura de centros como este que hoxe nos ocupa e os que se irán abrindo ao longo deste ano e o ano que vén”.

- “A través deste Plan, a Xunta comprometíase a financiar os custos de construción de 21 residencias en toda Galicia a cambio dunha reserva de prazas públicas. Este é un exemplo de traballo conxunto da Administración e a iniciativa privada, co fin último de ofrecer un servizo de calidade ás persoas maiores e ás súas familias”.

- “Todos somos conscientes da importancia crecente que o colectivo de persoas maiores de 65 anos está acadando no conxunto da poboación galega. Desde a Xunta de Galicia, queremos prestar atención ás súas variadas necesidades mediante unha estratexia global que permita que o envellecemento das persoas non sexa un obstáculo insalvable para a súa participación na vida activa da sociedade”.

- “Un dos maiores retos aos que nos estamos enfrontando no ámbito das necesidades das persoas maiores é, precisamente, o reto da dependencia e, por iso, os piares fundamentais nos que se apoia a acción do Goberno galego nesta materia son, por un lado, a prevención da dependencia e, por outro, a atención á mesma”.

- “Galicia, ao igual que o conxunto de España, está a experimentar un cambio importante na súa configuración sociodemográfica. A esperanza de vida aumenta, as estruturas familiares modifícanse, aparecen dificultades para compaxinar o traballo e a atención á familia e ao fogar, o tamaño dos fogares é máis reducido, en definitiva, as persoas maiores con necesidade de coidados ven como cada día é máis complicado que estes lles sexan proporcionados polos seus familiares, como viña sucedendo tradicionalmente”.

- “A Xunta de Galicia intenta dar resposta a estas demandas e está, desde hai tempo, inmersa nun proceso de ampliación da rede de equipamentos residenciais, un proceso que se ve reflectido no incremento de prazas sostidas con fondos públicos experimentado nos últimos anos. Basta lembrar as 1.600 prazas sostidas con fondos públicos que había en 1989 e as 5.137 coas que rematou o ano 2004, e que xa estamos incrementando ao longo deste ano 2005, como se pode observar hoxe mesmo coa apertura destas magníficas instalacións”.

FICHA TÉCNICA:

- Superficie total construída: 9.748,10 m2
- Superficie de xardíns: 7.239,91 m2
- Nº habitacións dobres: 36
- Nº habitacións individuais: 121
- Capacidade: 193 residentes e 40 persoas no centro de día

A Residencia Nova Vida, S.A., pertencente ao Centro Residencial Pontevedra, ofrece un servizo de atención ás persoas maiores válidas e asistidas, cunha carteira de servizos que permite tanto as estancias permanentes como temporais, así como as estancias en réxime de centro de día.

As instalacións ofrecen aos clientes espazos ben deseñados, funcionais, seguros e accesibles, pero tamén cálidos, luminosos, e con elementos decorativos e non hospitalarios.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia