Skip to main content

Pesca oponse á instalación de parques eólicos mariños mentres o Goberno central autoriza o estudo de viabilidade

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, remitiulle unha carta á Ministra de Medioambiente, Cristina Narbona, na que amosa o seu total rexeitamento ás actuacións levadas a cabo polos seus departamentos cara a posible autorización de diversos proxectos de parques eólicos mariños na costa de Galicia.

López Veiga lamenta que, ante a alarma xerada no sector, tivese que ser a Consellería de Pesca a que se interesase polos pormenores destes proxectos, debido á ausencia de información por parte da Administración do Estado, como é preceptivo nestes casos.

Pesca informou negativamente as solicitudes de instalación de parques eólicos mariños correspondentes ás zonas de Pedra da Roncosa, nos litorais de Carnota e Muros; Baixo dos Meixidos, no término municipal de Muros; Baixos de Baldaio, en Carballo; e Pedra Maior,
nos concellos de Carballo, Malpica e Arteixo.

Total oposición ós proxectospor ser zonas altamente productivas.-

Por este motivo -engade a misiva- chama poderosamente a atención que, sen dar coñecemento á Consellería de Pesca, se poña en marcha o procedemento de avalación de impacto ambiental destes proxectos nunha zona de gran importancia pesqueira e marisqueira.

O titular de Pesca da Xunta de Galicia, amósase sorprendido polo feito de que no procedemento, Demarcación de Costas, dependente do goberno central, solicitase informes referidos a aspectos ambientais a diversas administración e asociacións prescindindo absolutamente da Consellería de Pesca, titular das competencias exclusivas de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

Por todo isto, o conselleiro solicítalle á ministra que esta situación se corrixa de inmediato e amósalle a total oposición á implantación dos parques proxectados.

Terceiro despropósito do PSOE coa baixura de Galicia.-

Segundo López Veiga, esta acción é unha máis da serie de despropósitos promovidos polo PSOE nos últimos meses e que poideron xerar problemas graves nos intereses da baixura de Galicia.

Cómpre lembrar que no último debate sobre o Estado da Autonomía, o portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Emilio Pérez Touriño, defendeu a proposta de declarar as rías galegas Reserva da Biosfera. Unha medida, que de prosperar, convertiría as zonas centrais da rías galegas en lugares onde estaría prohibida toda actividade humana
excepto para investigación e mostraxe, ademais dalguna actividade tradicional das poblacións locais.

Por outra banda, recordar tamén a pretensión do Ministerio de Medioambiente de asumir as competencias pesqueiras no interior das Illas Atlánticas, sen ter en conta que se promovían medidas singularmente restrictivas en contra dos intereses do sector que faena habitualmente nesas augas. Neste litixio os tribunais fallaron a favor das Comunidades
Autónomas devolvéndollelas competencias, a pesares da reiterada oposición do Ministerio de Medioambiente.

Para Enrique López Veiga, esta autorización do estudo de viabilidade para a instalación de parques eólicos mariños é o terceiro despropósito do Goberno central no que atinxe á defensa dos intereses pesqueiros de Galicia en menos dun ano.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia