Skip to main content

A Xunta incrementou este ano o orzamento destinado ao Plan Concertado de Servicios Sociais nun 4'5%

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destina este ano un total de 11.102.681 euros ao financiamento do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, o que supón un incremento do 4,56% respecto á partida habilitada o pasado ano. O aumento contrasta coa conxelación dos fondos que Galicia recibe do Goberno central para executar este programa. No marco deste plan desenvólvense os programas de axuda no fogar, de teleasistencia, de orientación e asesoramento, de inserción social, de prevención e cooperación social e de convivencia alternativa. Ademais, articula a colaboración coa Administración local para a dotación ou mantemento de centros de servizos sociais, albergues e centros de acollida.

En total, Galicia recibirá este ano do Estado 7.595.643 € para investir en prestacións básicas de servizos sociais de corporacións locais o mesmo importe concedido polo actual Goberno para os exercicios de 2003 e 2004. Durante a celebración da XXXIII Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais o pasado 27 de xaneiro, o ministro de Traballo, Jesús Caldera, xustificou que non se aumentara esta cantidade por considerala suficiente.

Pola contra, a contía destinada pola consellería ao Plan Concertado increméntase este ano nun 4,56%, ascendendo o orzamento autonómico nesta materia a 11.102.681 euros. Así, o importe total para o Plan Concertado no presente exercicio en Galicia será de 18.698.324€ (un 2,66% máis que en 2004, incremento posibilitado grazas ao aumento orzamentario da Comunidade Autónoma).

Cómpre subliñar que, na presente lexislatura, a Xunta de Galicia vén impulsando de xeito continuado o Plan Concertado, cun incremento total de case 3,6 millóns de euros entre 2001 e 2005, o que supón unha suba do 47,75 por cento.

O Plan Concertado articula a cooperación económica e técnica na que se integran as corporacións locais prestadoras directas dos distintos programas. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través dos concellos tódalas persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade. Así, os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, proporcionar servizos sociais de calidade axeitados ás necesidades, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar coas distintas corporacións locais para que poidan afrontar as súas competencias na xestión deses servizos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia