Skip to main content

Belén Prado apunta a necesidade de modificar algunhas normas laborais para protexer aos traballadores das consecuencias da deslocalización empresarial

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, clausurou as X Xornadas sobre condicións de Traballo e Saúde, organizadas pola Asociación de Graduados Sociais de Ferrol. Durante os tres días nos que se desenvolveron as xornadas abordáronse temas como o futuro dos servizos de prevención, o presente e o futuro do Pacto de Toledo ou o fundamentalismo do mercado entre outros.

Na súa intervención, a responsable de Emprego apuntou a necesidade de perfeccionar algunhas previsións legais e outras normas laborais para garantir os dereito dos traballadores afectados por fenómenos como o da deslocalización empresarial. Neste sentido, Prado sinalou a posibilidade de modificar o contido do plan social que debe acompañar aos expedientes de regulación de emprego, unha cuestión que foi recollida nun documento aprobado pola maioría das Comunidades Autónomas e remitido ao Goberno central para que o debatira cos axentes sociais.

A conselleira incidiu tamén, como cuestión prioritaria, en acabar con calquera traba que impida ou dificulte a igualdade nas condicións de traballo por razón de xénero. A titular de Asuntos Sociais considera, ademais, que é preciso seguir perfeccionando a lexislación actualmente vixente sobre o traballo temporal ao mesmo tempo que se controla e persegue o fraude neste tipo de contratos e se melloran as condicións de traballo.

En materia de sinistralidade laboral, a titular do departamento autonómico lembrou que desde a Xunta de Galicia se vén reclamando unha reforma máis profunda e ampla da Lei de Prevención de Riscos Laborais do ano 2004. Así mesmo, Prado sinalou que sería preciso estipular medidas para mellorar as condicións de seguridade e saúde nas pequenas e moi pequenas empresas, en sectores de alto risco e en actividades nas que a presenza de subcontratas, traballadores temporais e inmigrantes manteñan unha presenza relevante.

MEDIDAS DE PREVENCIÓN

A responsable de Relacións Laborais explicou tamén algún dos programas e actuacións postos en marcha recentemente a través da consellería nesta materia. Así, desde hai algún tempo está funcionando o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Trátase dun órgano técnico e de participación institucional das organizacións empresariais e sindicais no ámbito da seguridade e saúde laboral que ten como obxectivo incrementar a eficacia das políticas de prevención.

Actualmente, estanse desenvolvendo programas específicos en sectores de alto risco, tales como o da construción, o mar, o sector agrario, e o de minas e canteiras, co fin de reducir a sinistralidade nos mesmos. Por outro lado, este ano o departamento autonómico está a desenvolver un programa de auditoría dos servizos de prevención alleos e de promoción dos servizos de prevención mancomunados. Para uns e outros púxoxe en marcha un programa innovador, que consiste na promoción da acreditación e a certificación dos sistemas de calidade da xestión destes servizos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia