Skip to main content

Caixa Galicia lanza unha tarxeta para favorecer ó colectivo de cazadores e pescadores

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández; o presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo; e mailo director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez López, presentaron hoxe no Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, en Monforte de Lemos, a tarxeta de crédito marca Visa promovida por estas entidades, xunto coas Federacións de Caza e de Pesca de Galicia, para os colectivos de cazadores e pescadores galegos. Trátase dunha tarxeta que inclúe vantaxes específicas para os seus titulares en sectores relacionados coas actividades cinexética e piscícola.

O obxectivo da iniciativa é apoiar a promoción, por parte da Fundación Centro Cinexético e Piscícola de Galicia e das Federacións de Caza e de Pesca de Galicia, de proxectos relacionados cos sectores que representan. Así, Caixa Galicia cederalles a estas entidades parte das comisións obtidas da nova tarxeta, que medrarán na medida en que se incremente o número de tarxetas emitidas. Trátase de investir os beneficios xerados en accións a prol da actividade cinexética e piscícola en Galicia.

O acto de hoxe supuxo a ratificación do convenio asinado recentemente polo director xerente da Fundación Centro Cinexético e Piscícola de Galicia; o presidente da Federación de Caza de Galicia, José Manuel Vaamonde González; o presidente da Federación de Pesca de Galicia, Pedro Romarís Pereira; e o director xeral adxunto de Caixa Galicia, José Venegas Alonso, no que se recollían os obxectivos e obrigas de cada entidade na posta en marcha da iniciativa.


TARXETA FLEXIBLE

A tarxeta Caza e Pesca de Galicia ofrece múltiples vías de pagamento segundo as necesidades dos titulares. Así, as compras realizadas con esta Visa pódense abonar no prazo dun mes, de maneira fraccionada ou en tres meses sen intereses. Ademais, a modalidade Compras especiais permite financiar as compras de maior importe ata en doce meses sen intereses (para compras efectuadas en establecementos adheridos a esta modalidade) ou ata en 36 meses en condicións moi vantanxosas (para compras efectuadas en calquera establecemento, estea ou non adherido). A tarxeta poderá ser domiciliada en calquera entidade financeira.

Caixa Galicia ofrece a tarxeta de balde o primeiro ano e tamén os anos sucesivos se o titular factura un mínimo de 1.200 euros ao ano en compras. Ademais, incorpórase, de maneira gratuíta, un seguro de accidentes, asitencia en viaxes, robo e uso fraudulento. A Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia e as Federacións de Caza e de Pesca de Galicia participarán de maneira activa no proxecto coa promoción de acordos a prol dun trato preferente dos titulares nos sectores directamente relacionados co mundo da caza e da pesca.

Existe tamén a posibilidade de incorporar a nova tarxeta ao servizo Caixa Galicia Móviles e dispoñer así de información a través do teléfono móbil (consulta de operacións realizadas, consulta de saldo, aviso de ingreso en nómina, devolución de impostos, …) Ademais, o titular da tarxeta poderá, a través do servizo gratuíto Caixa Activa (banca por teléfono e Internet) realizar consultas e operacións sen necesidade de ir a unha oficina (cmabiar a modalidade de pagameanto; bloquear a tarxeta en caso de perda; realizar traspasos da tarxeta á conta; obter informes dos consumos realizados coa tarxeta; …)
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia