Skip to main content

Entra en vigor o decreto que determina a composición do Consello Galego de Saúde

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición do 25 de abril de 2005, o Decreto, que entrará en vigor o 26 de abril, polo que se determina a composición do Consello Galego de Saúde. Trátase do principal órgano de participación cidadá no sistema galego de saúde.

Entre os obxectivos deste organismo, que está previsto que se constitúa nun prazo de catro meses, está o feito de garantir o dereito dos cidadáns da nosa Comunidade Autónoma a participar na actividade dos organismo públicos que afectan á súa calidade de vida e benestar social, así como na planificación da política sanitaria de Galicia.

O Consello, que reunirase en sesión ordinaria, polo menos, unha vez ao semestre, estará integrado por representantes da Consellería de Sanidade, organizacións empresariais, sindicais, asociacións de consumidores, colexios profesionais do ámbito sanitario, así como cidadáns e representantes das Reais Academias situadas en Galicia. Estes colectivos terán un prazo máximo de tres meses para nomear aos seus representantes.

COMPOSICIÓN

Respecto da súa composición, o presidente será o conselleiro de Sanidade ou persoa na que delegue de entre os seus membros. Constará así mesmo dun vicepresidente e un secretario. Asemade, disporá de seis vogais da Administración sanitaria; doce vogais en representación dos cidadáns, oito da Federación Galega de Municipios e Provincias e un por cada unha das Deputacións Provincias de Galicia; oito vogais en representación das organizacións empresariais, que serán designados pola Confederación de Empresarios de Galicia; oito vogais, en representación das organizacións sindicais de forma proporcional; seis vogais, en representación das organizacións de consumidores e usuarios designados polo Consello Galego de Consumidores; seis vogais, en representación dos colexios profesionais de médicos, farmacéuticos, diplomados en enfermaría, veterinarios, psicólogos e traballadores sociais da Comunidade Autónoma Galega e dous vogais en representacións das Reais Academias de Galicia, un da Real Academia de Medicina e Cirurxía e outro pola de Farmacia.

Os membros deste órgano serán nomeados polo conselleiro de Sanidade, a proposta de cada unha das representacións que a compoñen. O nomeamento farase por un período de catro anos, sen prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa representación requirida.

A constitución do Consello Galego de Saúde está prevista na Lei de Ordenación Sanitaria de 2003, que establece a creación deste órgano coa fin de asesorar Á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)