Skip to main content

O curso 2005/06 comezará o 12 de setembro para educación infantil, especial e primaria, e o 19 para secundaria

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presentou, na reunión da Mesa Sectorial, a súa proposta de anteproxecto da orde pola que se regula o calendario escolar para o vindeiro curso 2005/06, que lle afecta a todos os centros educativos galegos sostidos con fondos públicos.

O director xeral de Centros e Ordenación Educativa informou de que, segundo esta proposta, o curso comezará o día 12 de setembro para os escolares de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial e unha semana máis tarde, o día 19, para os de Secundaria. En ambos casos o curso rematará o día 26 de xuño de 2006.

No caso da Formación Profesional, as actividades lectivas comezarán o día 30 de setembro e rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo. Nas ensinanzas de Réxime Especial a data de comezo é a mesma que para a FP e o final será a partir do día 2 de xuño de 2006.

Deste xeito, o número total de días lectivos mantense con respecto ao presente curso 2004/05, establecido de acordo coa normativa vixente en 180 días para Educación Infantil, Primaria e Educación Especial e 175 para Secundaria. Nembargante, os delegados provinciais poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas cando as circunstancias concretas de organización así o requiran.

FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

Ademais, na reunión da Mesa Sectorial tamén se abordaron outros temas de interese educativo, como o decreto polo que se establece a formación complementaria en linguas estranxeiras nos institutos de Educación Secundaria e nos Centros Públicos Integrados.

Esta formación vai dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ao alumnado de formación Profesional Específica de centros sostidos con fondos públicos.

Estas ensinanzas prepararán ao alumno para realizar unha proba final na Escola Oficial de Idiomas, aínda que a súa finalidade primordial é favorecer o aumento das competencias lingüísticas dos mozos e mozas galegas.

ESTADÍAS FORMATIVAS

Tamén se tratou a orde pola que se regula a formación do alumnado galego en empresas de traballo situadas fóra de España. É unha normativa pioneira en España que regula o desenvolvemento da formación en empresas ou institucións estranxeiras, dirixida a alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Programas de Garantía Social, Artes Plásticas e Deseño, Estudos Superiores de Restauración e Bens Culturais e para galegos que desexen facer esta formación fóra. Tamén regula a recepción de alumnado doutros países.

Se ben desde hai anos a Consellería de Educación vén incentivando con axudas económicas, no marco de diversos programas educativos europeos, a mobilidade do alumnado galego para a realización parcial ou total da formación en centros de traballo, que é un módulo obrigatorio en Formación Profesional, con esta orde impúlsase e favorécese a mobilidade do alumando para permitir a mellora das competencias sociais e lingüísticas, o respecto á diversidade e acadar un ámbito de emprego que transcenda as fronteiras nacionais, adquirindo coñecementos, competencias e cualificacións adaptadas a un contorno socio laboral máis amplo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia