Skip to main content

Convocados os Premios Galicia Medio Ambiente 2005

A Consellería de Medio Ambiente publica no DOG de 25 de aril de 2005 o decreto polo que se convocan os premios Galicia-Medio Ambiente 2005. Como novidade, nesta edición incorpóranse as asociacións ecoloxistas e naturalistas como posibles destinatarios destes galardóns, que se suman así ás empresas, concellos, universidades, centros de investigación e centros de educación non universitaria. Outra novidade incluída no decreto é o establecemento de novas categorías de premios, creadas de acordo cos diferentes eidos que abrangue o ambiente. Deste xeito, outorgaranse galardóns para recoñecer o labor de colectivos e institucións nas modalidades Forestal e Montes; Sostibilidade e Educación Ambiental; Calidade Ambiental; Conservación da Natureza e Augas.

Segundo se recolle na orde, os galardoados en cada categoría recibirán un premio en metálico de 6.000 euros e unha placa acreditativa. As entidades interesadas en optar a estes galardóns deberán enviar, xunto coa candidatura, unha memoria explicativa sobre o labor desenvolvido. Este documento será avaliado por un xurado, presidido polo conselleiro de Medio Ambiente e composto polos directores xerais con competencia na materia, que finalmente concederá os diferentes premios. O prazo para presentar as solicitudes será de 40 días naturais a partir de mañá, é dicir, que os interesados terán ata o día 4 de xuño para achegar a súa documentación.

LABOR AMBIENTAL

Cos premios Galicia-Medio Ambiente 2005 recoñécese o labor desenvolvido por determinadas asociacións ou entidades a prol do contorno natural e na difusión dunha conciencia ambiental entre a poboación galega. O obxectivo destes galardóns é a sensibilización do conxunto da sociedade sobre a necesidade de protexer e potenciar o medio natural. O recoñecemento público das institucións e colectivos que traballan nesta liña convértese nunha vía fundamental para fomentar a implicación social co contorno.

GALARDOADOS EN 2004

O pasado ano resultaron galardoados co premio Galicia-Medio Ambiente o Hospital da Costa de Burela como mellor iniciativa empresarial en sustentabilidade; o concello de Sanxenxo como mellor acción local en desenvolvemento sustentable e conservación da biodiversidade; e o Instituto de Cerámica de Galicia polo mellor traballo de investigación científica en temática ambiental. Pola súa banda, o grupo de traballo interdepartamental do IES Terra de Xallas de Santa Comba; do IES Príncipe Felipe de Pontevedra; e do Departamento de Bioloxía Fundamental da Universidade de Santiago de Compostela recibiron o premio pola mellor iniciativa escolar no eido ambiental. Ademais, o concello coruñés de Curtis e o Centro de Educación Especial Carmen Polo de Ferrol mereceron cadanseu accésit.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia