Skip to main content

O presidente da Xunta asinou o decreto polo que se convocan eleccións para o día 19 de xuño

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, asinou o decreto de disolución do Parlamento de Galicia e polo que se convocan eleccións á Cámara galega, que se celebrarán o día 19 de xuño deste ano. O decreto será publicado o martes 26 de abril, no Diario Oficial de Galicia.

En función deste decreto fíxase para as 00.00 horas do día 3 de xuño o inicio da campaña electoral, que durará 15 días e rematará, polo tanto, ás 24.00 horas do día 17 do mesmo mes.

Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día 18 de xullo, tendo como data límite para a investidura do presidente da Xunta o xoves 18 de agosto.

MEDIOS MATERIAIS

O Diario Oficial de Galicia publicará tamén, este martes, o decreto polo que se establecen as normas sobre os medios materiais –locais electorais, urnas, cabinas, papeletas e sobres e impresos electorais- que se utilizarán nas eleccións.

Igualmente, o Goberno galego publicará un segundo decreto polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, así como os xuíces de Primeira Instancia ou de Paz e os representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia