Skip to main content

O Consorcio Audiovisual convoca unha nova edición do programa Curtas para a promoción das curtametraxes

O Consorcio Audiovisual de Galicia ven de convocar unha nova edición do programa Curtas 2005 para a promoción da curtametraxe galega. Este certame, que se celebra por terceiro ano consecutivo, ten como obxectivo principal facer unha selección das mellores produccións realizadas entre o 2004 e o 2005, coas que posteriormente elaborarase un catálogo para a súa difusión e promoción nos foros nacionais e internacionais.

Este catálogo conterá fichas cos datos máis relevantes das curtas e un DVD coas versións íntegras das mesmas. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro día 24 de maio.

VARIOS CRITERIOS

Para a selección dos proxectos presentados e que pasarán a formar parte do catálogo promocional reunirase unha comisión que deberá analizar as diferentes solicitudes en relación a varios criterios, como son a calidade da realización da curtametraxe, a dirección e a interpretación; a calidade do guión e o interese da curta, valorándose de maneira especial a súa proxección nos mercados e festivais.

O éxito deste programa estase a incrementar cada ano, xa que as produccións seleccionadas participan nos dous festivais-mercados de maior relevancia internacional: o Clermont-Ferrand e o Cinema Jove. Gracias a esta presenza estableceuse contacto con distintos compradores, chegando a acordos económicos para a exhibición en distintas canles e para a distribución internacional.

Os contactos máis destacados son: a canle italiana R.T.I.; a distribuidora británica de curtas British Short; TV Man Union (Xapón); Movieola (Canadá), Premium Films (Francia); RTP (Portugal); Flickerfest (Australia); Canal + Polonia; ZDF1ARTE de Alemaña; Canal + Suecia; KQED Scott Dwyer (EE.UU.) e Vitagraph (Italia).

Tamén estase a colaborar con distintos organismos e empresas para a exhibición do programa en todo o mundo, destacando o Instituto Cervantes, a cadea de exhibición Yelmo Cineplex a través do seu programa “Curt Ficcions”, e o MOMA de Nova Iorque. En canto aos recoñecementos do programa nos distintos festivais, suman máis de 50 premios nacionais e internacionais, e máis de 200 nomeamentos como finalistas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia