Skip to main content

Asuntos Sociais convoca a IV edición dos Premios á Cooperación para persoas e entidades que realizaran un destacado labor no eido do cooperativismo

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais xunto co Consello Galego de Cooperativas, convocan a cuarta edición dos Premios á Cooperación, dirixido ás cooperativas, asociacións, persoas e entidades, públicas ou privadas, que realizaran un destacado labor no eido do cooperativismo en Galicia. O certame establece tres modalidades, premiadas con 6.000 euros cada unha.

O Premio aos valores cooperativos outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis destacara no impulso destes valores na Comunidade Autónoma galega. Neste caso teranse en conta as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

O Premio ao mellor proxecto cooperativo concederase a aquel proxecto empresarial tanto de nova creación como xa existente que destaque polo seu carácter innovador, de intercooperación ou por outras características singulares como a súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

As persoas ou entidades que centraran o seu esforzo no fomento do cooperativismo poderán optar ao Premio á promoción do cooperativismo. Para outorgar este galardón teranse en conta a actividade ou actividades realizadas polos candidatos e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou persoa que o propoña ante o Consello Galego de Cooperativas acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 2005.

As bases desta convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do 21 de marzo e na páxina Web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia