Skip to main content

A Xunta de Galicia inviste 12 millóns de euros na ampliación do Porto de Brens, actuación incluída no Plan Galicia

O máximo mandatario galego, Manuel Fraga, presidiu en Cee a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a empresa Ferroatlántica S.L. que ten como obxecto ampliar o porto de Brens, situado neste municipio coruñés. Nas novas instalacións portuarias, que contarán cun peirao de 310 metros de lonxitude e cun calado de ata case 12 metros, o Goberno galego investirá un total de 12 millóns de euros. Esta obra inclúese dentro do Plan Galicia e a súa execución amosa o firme compromiso da Xunta con este conxunto de actuacións articulado para dar resposta a “un lamentable accidente marítimo”.

A ampliación do porto de Brens axudará a desconxestionar o tráfico marítimo no porto da Coruña posto que permitirá o atraque de barcos de 25.000 toneladas en Cee. Así mesmo, Ferroatlántica S.L. garante un tráfico mínimo anual de 206.000 “toneladas equivalentes” durante 20 anos neste porto da Costa da Morte.

EXCELENTES CONEXIÓNS

Tal e como asegurou o presidente da Xunta, o novo porto de Cee disporá dunhas “excelentes conexións” coas redes de autovías e autoestradas de España, Portugal e o resto de Europa. Así mesmo, Manuel Fraga cualificou de “boa nova” para o Sistema Portuario Galego a ampliación deste complexo portuario. Segundo asegurou o mandatario autonómico, Galicia move o 8 por cento do total dos portos españois. “Temos uns portos ben situados nas rutas marítimas europeas. Nas autoestradas do mar, Galicia deixa de ser un lugar periférico para converterse nun territorio central”, indicou o titular do Executivo autonómico.

En opinión de Manuel Fraga, o Sistema Portuario Galego debe configurarse “como unha macrocomunidade ao servizo do sector marítimo e porturario”. Precisamente, as actuacións en materia de portos durante o período 2004-2008 están recollidas nun plan estratéxico que prevé actuacións en diferentes instalacións portuarias da Comunidade Autónoma conta cun orzamento de 707 millóns de euros.

PRIMEIRO PORTO DA COSTA DA MORTE

Ademais de Manuel Fraga, tamén participaron neste acto, entre outras autoridades, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Cee, José Antonio Domínguez García; e máis o presidente do Consello de Administración da empresa Ferroatlántica, Juan Miguel Villar Mir, quen destacou a implicación de Manuel Fraga neste proxecto, indicando que o novo porto de Cee “non sería posible sen o traballo do presidente da Xunta”. Pola súa banda, Núñez Feijóo salientou que esta é unha “obra especial” posto que convertirá a Cee no “primeiro porto da Costa da Morte, o máis importante, un dos primeiros portos de toda Galicia”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O GOBERNO GALEGO E FERROATLÁNTICA S.L. PARA A AMPLIACIÓN DO PORTO DE BRENS

-“Estamos hoxe aquí, en Cee, para a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Ferroatlántica para a construción dun novo peirao de atraque de uso público no porto de Brens. Deste xeito, a empresa garante un tráfico mínimo anual de 206.000 toneladas equivalentes durante 20 anos e, como garantía desembolsa 3,6 millóns de euros”.

-“Estamos, sen dúbida, ante un feito clave na historia portuaria de Cee e a Costa da Morte. As novas instalacións portuarias contarán cun peirao de 310 metros de lonxitude que terán un calado de ata case 12 metros. Unha actuación, incluída no Plan Galicia, e que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda orzamentou en 12 millóns de euros”.

-“Este novo porto de Brens asume e supera a historia deste recinto portuario e é unha demostración palpable de que para o meu Goberno o Plan Galicia vai e serio e debe ser a resposta dos gobernos de España e da nosa comunidade a un lamentable accidente marítimo”.

-“Este porto de Cee disporá dunhas excelentes conexións coas redes de autovías e autoestradas de España, Portugal e o resto de Europa [...] Estamos ante unha boa nova para o Sistema Portuario Galego que é líder en España en pesca fresca [...] En tráfico de mercadorías, Galicia move o 8 por cento do total dos portos españois”.

-“Temos uns portos ben situados nas rutas marítimas europeas. Nas autoestradas do mar, Galicia deixa de ser un lugar periférico para converterse nun territorio central”.

-“Contamos cun plan estratéxico [...] cunha única política portuaria para Galicia. No plan recóllese claramente que os portos non son un fin en si mesmos, senón parte do tecido económico, político e social [O plan conta] cuns investimentos de 707 millóns de euros, previstos para o período 2004-2008”.
CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E FERROATLÁNTICA S.L. PARA A AMPLIACIÓN DO PEIRAO DE BRENS

OBXECTIVOS

O obxectivo de convenio consiste en establecer un compromiso de tráficos portuarios, no porto de Brens (Cee), que permitirá o atraque de barcos de 25.000 toneladas, mediante a ampliación das instalacións portuarias. Así mesmo, esta ampliación permitirá desconxestionar o tráfico marítimo no porto da Coruña e axilizar a carga e descarga de mercadorías na Costa da Morte.

COMPROMISOS

Ferroatlántica S.L. comprométese, unha vez que estea operativo o novo peirao, a garantir un tráfico portuario mínimo anual de 206.000 “toneladas equivalentes”. As “toneladas equivalentes” obtéñense, mediante unha fórmula matemática, que relaciona o total das toneladas que se carguen ou descarguen e a súa tipoloxía.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, achegará un total de 12 millóns de euros para a ampliacións das instalacións portuarias de Brens.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia