Skip to main content

Emprego destinará máis de 8 M€ a contratos programa para formar traballadores ocupados

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destinará este ano 8.143.395 euros a subvencionar contratos programa para formar traballadores ocupados, unha iniciativa que estará cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

Ao abeiro desta orde poderanse asinar contratos programa para a execución de plans de formación intersectoriais, dirixidos á formación de traballadores en competencias transversais e horizontais comúns a varios sectores; de plans de formación que incorporen a traballadores e socios traballadores de dúas ou máis cooperativas, sociedades laborais ou outras empresas e entidades de economía social que, sen pertencer a un mesmo sector produtivo, atendan demandas formativas similares, como as derivadas da natureza xurídica das súas empresas ou as de carácter transversal; e plans de formación dirixidos a traballadores autónomos, co fin de mellorar a súa capacitación profesional. Así mesmo, tamén se contempla unha partida para contratos programa de carácter sectorial.

BENEFICIARIOS

Poderán solicitar estas accións formativas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia para a execución de plans de formación intersectoriais; as confederacións e federacións de cooperativas con implantación na Comunidade para a execución de plans de formación que incorporen traballadores e socios de dúas ou máis cooperativas; e as asociacións de traballadores autónomos para os plans de formación dirixidos a este colectivo.

Os plans de formación van destinados a traballadores asalariados de empresas públicas ou privadas que coticen á Seguridade Social en concepto de formación profesional; a aqueles fixos descontinuos nos períodos de non ocupación; aos que accedan a situación de desemprego cando estean en período formativo; e a aqueles acollidos a regulación de emprego nos seus períodos de suspensión de emprego por expediente autorizado.

Tamén se poderán beneficiar destas actuacións traballadores dos réximes especial agrario, de autónomos e do mar que non coticen pola continxencia de formación profesional; os socios traballadores e de traballo de cooperativas, sociedades laborais e empresas de economía social.

Serán destinatarios prioritarios os traballadores de pequenas e medianas empresas (especialmente de menos de 50 empregados), as mulleres, as persoas con algún tipo de discapacidade e os maiores de 45 anos, así comA os traballadores sen titulación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia