Skip to main content

O número de accidentes laborais en relación aos ocupados foi menor en Galicia que a media estatal

O índice de incidencia de accidentes laborais en Galicia no 2004 foi inferior á media estatal. No ano 2004 rexistráronse na Comunidade Autónoma 6.020,75 accidentes por cada 100.000 traballadores, mentras que a media do conxunto do Estado foi de 6.170, 68 por cada 100.000 traballadores. Ademais, un total de nove comunidades autónomas rexistraron un índice de incidencia de accidentes laborais superior á Galicia.

En canto á aplicación e control das medidas de seguridade laboral, hai que salientar que a Consellería de Relacións Laborais incrementou o pasado ano o número de actuacións para previr a sinistralidade, superando en moitos casos os obxectivos marcados inicialmente. Así, as 2.980 actuacións previstas no sector da construcción incrementáronse ata acadar un total de 4.525, isto é, un 151,85% de cumprimento de obxectivos fixados. Así mesmo, a campaña específica do sector naval na provincia de Pontevedra, cun obxectivo de 100 visitas, foi igualmente superado, ata chegar ás 143.

En total, a Consellería concluíu 1.521 expedientes sancionadores durante o 2004 (A Coruña 575; Pontevedra 617; Lugo 173; Ourense 139).

Ademais, perseguindo a mellora das medidas de loita contra os accidentes, a Xunta asinou un convenio co Ministerio de Xustiza para aunar esforzos contra a sinistralidade laboral. O acordo baséase en dous puntos fundamentais: o primeiro, incrementar a colaboración entre o Tribunal Supremo e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en casos relacionados con accidentes laborais; o segundo, que en cada provincia galega exista un fiscal especializado en sinistralidade laboral, para levar os casos nesta materia.

REFORZO DA PREVENCIÓN A TRAVÉS DO IGASEL

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (IGASEL), creado o pasado ano, coordinará nos vindeiros meses varias actuacións en materia de prevención. Entre elas, plans preventivos sectoriais para o mar e o agro e outros específicos para sectores de alto risco (metalúrxico, construcción, minería…), ademais de continuar a execución do Plan de Choque contra a Sinistralidade 2004-2005. Este organismo levará a cabo tamén unha campaña dirixida a previr os sinistros laborais que teñen a súa orixe en atropelos ou golpes con vehículos nos propios centros de traballo. Ademais, desenvolverá unha campaña de control dos servizos de prevención alleos ás empresas.

No ámbito da investigación, coordina varios estudios. Un dos máis relevantes tratará a incidencia da prevención dos riscos laborais na negociación colectiva –tentando a posteriori a súa regulación convencional– e tamén se executarán varios sobre a causalidade dos sinistros e a súa evolución. No campo formativo, o IGASEL dará apoio á formación impartida polos axentes sociais e ás asociacións sectoriais, ademais de guiar a oferta formativa dos Centros Provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.

Cómpre lembrar que a responsabilidade da loita contra a sinistralidade laboral non recae exclusivamente na Administración, senón que tamén é precisa a responsabilidade dos axentes sociais neste ámbito.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia