Skip to main content

Os médicos de familia que aprobaron as oposicións do Sergas escollerán desde o venres o seu destino

Os médicos de Familia de atención primaria que aprobaron as oposicións que o Servizo Galego de Saúde convocou no marco do Proceso de Consolidación de Emprego que está a levar a cabo a Administración Sanitaria, poderán escoller, dende o venres, o seu posto de traballo. As prazas ofertadas ao efecto por parte do departamento que dirixe José Manuel González Álvarez, nos centros de saúde das catro provincias galegas, suman en total 845, das que 299 son na provincia de A Coruña, 168 na de Lugo, 138 na de Ourense e 240 na de Pontevedra. A tal efecto, o Diario Oficial de Galicia publicará, o 29 de abril, a Orde da Consellería de Sanidade pola que se convoca a fase de provisión do proceso extraordinario de consolidación de emprego desta categoría. Deste xeito, o Sergas continúa a ser un dos servizos de saúde no que o proceso extraordinario de consolidación de emprego está máis avanzado.

Cómpre subliñar que na solicitude realizada polos aspirantes, ademais de reflectir a orde de preferencia dos centros, tamén poderán especificar o réxime de xornada ao que desexan optar, podendo seleccionar entre quenda de mañá ou tarde.

Ao igual que sucede xa coa categoría de ATS/DUE, a Consellería de Sanidade pon a disposición dos interesados, por vez primeira, como continuación da liña emprendida pola Consellería de Sanidade de fomento do uso das tecnoloxías da información, e en aras de ofrecer un mellor servizo tanto aos usuarios dos centros sanitarios como aos profesionais que alí traballan, a posibilidade de xerar a súa solicitude a través dun formulario web (www.sergas.es/plece).

A dita solicitude web poderán facela dende o seu domicilio ou ben dende calquera dos puntos operativos habilitados pola Consellería de Sanidade onde, ademais, contarán con persoal cualificado adestrado no uso desta ferramenta informática, que clarexará calquera dúbida que puidera xurdir.

Esta fase de provisión constará da realización e cualificación dunha entrevista regulada na que se valorará, especialmente, o grao de adecuación das aptitudes, experiencia e habilidades dos candidatos aos diferentes niveis de complexidade e especialización dos centros e da acreditación e valoración dos méritos por servizos prestados, actividade científica e investigadora desenvolvida, así como a impartición de docencia posgraduada.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)