Skip to main content

Constituídos en Santiago os órganos de coordinación e asesoramento do sistema galego de cooperación ao desenvolvemento

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, ao igual que as Comisións Interdepartamental e Interterritorial nesta materia, aprobaron por unanimidade o Plan Director de Cooperación Galega 2005-2008. Unha planificación estratéxica que centrará os seus esforzos en materia de cooperación para o desenvolvemento en 14 países de América e de África subsahariana.

Nunha rolda de prensa posterior aos actos de constitución destes órganos, o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Xaime Pita, salientou a unanimidade coa que se aprobaron os asuntos abordados nestas xuntanzas. Xaime Pita tamén valorou o traballo previo a estas reunións, que incluíu contactos cos colectivos, institucións e órganos implicados na cooperación e o desenvolvemento.

Referíndose á aprobación do I Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2005-2008, Xaime Pita amosou o seu desexo de que o carácter unánime que reinou nestas xuntanzas á hora da súa aprobación se traslade ao Parlamento de Galicia.

O conselleiro da Presidencia tamén agradeceu a participación de forzas e representantes de ONG´s, universidades, e concellos, representados neste órganos, a prol “da colaboración con aqueles que máis o precisan”.

O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Xesús Gamallo, tamén resaltou o alto grao de consenso con todos os axentes da política de cooperación da Xunta, o que fructificou nunha Lei e un plan director cuadrienal, aprobados por unanimidade, que guiarán os investimentos en axuda exterior os próximos anos.
O orzamento para cooperación ao desenvolvemento para este exercicio ascende a 6,6 millóns de euros, un 21 por cento máis que en 2004. As axudas para paliar os efectos do tsunami asiático e os eixes de actuación previstos no Plan Director serán os protagonistas do Plan anual 2005.

Os 14 países prioritarios de actuación son Bolivia, Ecuador, Perú, Arxentina, Guatemala, El Salvador, Honduras, Nicaragua, Cuba e República Dominicana no continente americano. Ademais, súmanse como zonas prioritarias da cooperación galega catro países africanos: Cabo Verde, Mauritania, Mozambique e Namibia.

O Plan Director 2005-2008 tamén prevé aumentar os esforzos dedicados á cooperación para o desenvolvemento, de maneira que nestes catro anos os recursos representen entre un 0,15 e un 0,25 por cento dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Xesús Gamallo explicou que o sostido incremento orzamentario dos últimos años foi acompañado dunha mellora na eficiencia e na eficacia no funcionamento da cooperación galega. “Especialización sectorial, priorización das áreas xeográficas, axilidade de resposta e coordinación son os eixes e tendencias do noso sistema de cooperación”, explicou o secretario xeral.

MEMORIA 2004

Galicia foi unha das Comunidades Autónomas con maior incremento nos últimos años no capítulo de axuda oficial ao desenvolvemento. No último lustro o orzamento oficial en cooperación medrou en máis dun 75 por cento, fronte ao 19 por cento de media española.

Segundo recolle a Memoria 2004 de Cooperación Galega, durante o último año, os 5,5 millóns de euros de orzamento permitiron apoiar 141 proxectos, executados por diversos actores da cooperación galega. Estes proxectos leváronse a cabo en 28 países, chegando a axuda directa e indirecta a máis dun millón de persoas.

Do total do investimento, o 57 por cento destinouse a convocatorias públicas, o 11 por cento ao Plan Operativo Xunta-Axencia Española de Cooperación Internacional, o 28 por cento a convenios de cooperación directa, e o 4 por cento a actividades como avaliacións de proxectos, actividades informativas ou publicacións.

Os principais países receptores da cooperación galega en cooperación para o desenvolvemento foron Perú, Arxentina, Bolivia, Cuba e Ecuador, que recibiron conxuntamente case a metade das contribucións.

Segundo salientou Xesús Gamallo, en 2004, a Xunta de Galicia traballou en catro eixes: a especialización sectorial tendo como obxectivo fundamental a loita contra a pobreza e a marxinación; priorización de distintas áreas xeográficas para favorecer o impacto positivo no desenvolvemento das poboacións cos que se traballan; a axilidade da respostas, en casos como o maremoto do sueste asiático; e a coordinación entre a Xunta de Galicia, as ONG´s, as universidades, as comunidades galegas no exterior, empresas, sindicatos, e fundacións das caixas de aforros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia