Skip to main content

Importantes actuacións medioambientais continúan pendentes en Galicia pola falta de xestión do Goberno central

Importantes actuacións ambientais continúan pendentes en Galicia pola falta de xestión do Goberno central. A Xunta espera recibir respostas sobre o financiamento do tratamento dos residuos do Prestige, obras hidráulicas fundamentais para o desenvolvemento de diversos concellos e transferencias reiteradamente demandadas, entre outros asuntos. A Consellería de Medio Ambiente agarda que a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, informe hoxe destas cuestións no balance que vai facer da actuación do Executivo socialista en materia ambiental.

A incerteza do Goberno central ante o financiamento dos residuos do Prestige, dez meses despois de que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade a demanda de garantías orzamentarias por parte do Estado, levou á Xunta a comezar xa o proceso de tratamento, co traslado dos residuos á planta de Sogarisa, en Cerceda. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente mantén o compromiso de comezar os traballos se o Executivo socialista non respondía ao novo acordo parlamentario adoptado por unanimidade o pasado decembro para que o Estado formalizase nun prazo de tres meses o convenio para o pagamento.

OBRAS HIDRAÚLICAS

Respecto das obras hidráulicas, cómpre salientar que a Xunta demandou fondos de cohesión para importantes actuacións, como a desodorización, nave de transferencia e depósito de fangos dixeridos na depuradora de Vigo; a ampliación da depuradora de Cambados e Vilanova de Arousa; o colector xeral e depuradora de Caldas de Reis. Tamén se solicitou o apoio de fondos de cohesión para actuacións de saneamento da zona norte da Ría de Ares e da zona da Ría de Ferrol e para os colectores xerais e estación depuradora de Pontevea, en Teo. O Goberno central manifestou xa a súa negativa a tramitar a solicitude de fondos ante a Comisión Europea para estas actuacións, que, na meirande parte, xa foron iniciadas pola Administración Hidráulica de Galicia.

Ademais, están pendentes de licitar dez obras hidráulicas declaradas de interese xeral. Trátase da depuradora e emisario submarino de Cabo Prioriño, en Ferrol; do emisario de Bens, na Coruña; e dos colectores interceptores do río Sar e da depuradora de Santiago de Compostela. Tampouco se licitaron aínda as obras de abastecemento de auga a Ourense; a depuradora desta mesma cidade e a rede de colectores da marxe dereita do río Miño, tamén en Ourense. Os abastecementos a Pontevedra e á súa ría e a Lugo, Rábade e Outeiro de Rei están tamén pendentes de licitación. Neste primeiro ano de goberno socialista, o Ministerio de Medio Ambiente só licitou dúas obras hidráulicas declaradas de interese xeral: a mellora do saneamento e a depuradora de Lugo.

Cómpre salientar tamén que o vicepresidente segundo demandou a declaración dos proxectos de saneamento integral de Aguiño, en Ribeira, e Vigo como obras de interese xeral do Estado sen recibir resposta.

MÁIS COMPETENCIAS

Galicia continúa á espera de formalizar o traspaso do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, tras a sentenza do Tribunal Constitucional do pasado novembro que atribúe a xestión dos parques nacionais ás comunidades autónomas. Nestes cinco meses, ademais de haber poucos avances no proceso, o Ministerio de Medio Ambiente anunciou unha distribución de fondos baseada en criterios históricos, o que prexudica claramente o parque nacional galego, xa que é o máis novo e carece da necesaria rede de infraestruturas e servizos. O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, xa manifestou o seu desacordo con esta decisión.

Con respecto ao parque nacional, cómpre salientar tamén que nos Presupostos Xerais do Estado só se recolle con claridade un investimento de 1,31 millóns de euros para a rexeneración ambiental deste espazo tras o accidente do Prestige. Na programación inicial estaba previsto preto de 52 millóns de euros. O financiamento da Rede Natura é outro dos asuntos nos que non se avanzou no último ano. Para o Goberno galego, urxe que a Administración do Estado habilite os fondos complementarios precisos para as comunidades autónomas poidan cumprir cos criterios propostos na directiva Hábitat.

METEOROLOXÍA

O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro segue sen recibir ningunha comunicación relacionada coa reiterada solicitude de asumir as competencias en materia de meteoroloxía. O vicepresidente segundo ten manifestado en reiteradas ocasións que o bo funcionamento de Meteogalicia, un modelo pioneiro en moitos servizos e que dá resposta ás necesidades da poboación galega, xustifica o traspaso de compentencias á Xunta.

Tamén en materia compentecial, a Consellería transmitiulle ao Goberno do Estado a necesidade de que a Comunidade galega asuma as competencias de tramitación das autorizacións de vertido en leitos públicos, así como para a utilización ou aproveitamento do dominio público no territorio autonómico non comprendido na Conca Galicia-Costa. Demandouse tamén a función executiva da policía de augas e leitos no territorio galego sen que houbese avances. Por outra banda, despois do acordo adoptado o pasado 5 de abril no Senado para a creación da Confederación Hidrográfica do Miño, a Xunta está á espera de recibir información para o cumprimento deste acordo parlamentario.

AXUDAS ESTATAIS

Desde a Consellería de Medio Ambiente denunciouse tamén o trato discriminatorio que sufriu Galicia na concesión de axudas estatais para paliar os danos producidos polos incendios forestais. Os argumentos esgrimidos polo Goberno central non teñen xustificación, xa que non hai constancia dunha liña de axudas que se puidesen socilitar e as consecuencias do lume son as mesmas para a poboación galega que para a das comunidades beneficiadas. Por outra banda, o contorno de moitos vales de Ourense e Lugo vense tamén afectados ao negarlles o Estado os fondos precisos para a recuperación integral das áreas de extracción da lousa.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia