Skip to main content

O presidente da Xunta de Galicia anuncia a creación dun Museo dedicado ao Courel na Vella Ferrería de Sabane

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, anunciou a creación dun Museo dedicado ao Courel na vella ferrería de Sabane. Segundo explicou, logo dun encontro, no seu despacho de San Caetano, cun dos propietarios deste inmoble, no que tamén participaron a Directora xeral de Turismo da Xunta, María Antón, e mailo director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Luis Foxo; a Administración autonómica adquirirá as instalacións da vella ferrería para restauralas e dedicalas á exposición da cultura desta zona luguesa. “Aquelo quedará a disposición da promoción do Courel”, salientou o xefe do Executivo autonómico.

“Fai tempo que estamos traballando na promoción do Courel, unha desas marabillas que ten Galicia pouco coñecidas, e que vai pouco a pouco completando o Plan Río Lor”, salientou Manuel Fraga. Así mesmo, asegurou que se “estudiará, desde este momento, a restauración dos moitos camiños que veñen a Santiago e que pasaban por alí”. Neste sentido, o titular da Xunta dixo que existen posibilidades de que a restauración se concrete “antes do vindeiro Ano Santo” e indicou que a Dirección Xeral de Turismo do Goberno autónomo se dedicará a este cometido.

Para Manuel Fraga, a de Sabane é “unha das ferrerías máis importantes, antes do cambio de sistema, dos altos fornos e da siderurxia do século XIX” e que nin en Euskadi hai outra “desa importancia”.

Pola súa banda, o propietario da ferrería agradeceu o “esforzo da Xunta” por sacar adiante este proxecto e indicou que a vella ferrería “o merece” porque “é un monumento importante”. Segundo indicou, conta con “trece arcos románicos, algún de sete metros, montado todo sobre o río”, o que o converterá nun “recurso importante para o turismo no Courel”.

Xosé Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense, salientou, así mesmo, que a “ferrería de Sabane, é o enclave máis importante dende o punto de vista arquitectónico do Courel e de Galicia no século XIX” e amosouse confiado en que funcione como “motor económico do Courel”.

FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA

Previamente, o presidente galego mantivo un encontro con Marina Castaño, quen lle deu conta das actividades da Fundación Camilo José Cela e lle entregou unha memoria das actividades do primeiro trimestre do ano. Segundo indicou Castaño, o traballo levado a cabo pola Fundación nestes meses foi “moi rica e intensa”. Así mesmo, presidenta da Fundación informou a Manuel Fraga das previsións de actos para o que resta de ano, entre os que destacou especialmente o “curso de verán”, que presenta no auditorio de Caixa Galicia en Santiago.

Marina Castaño declarou á saída da xuntanza que tamén lle entregara as “edicións dixitalizadas dos manuscritos que temos na Fundación” e “as memorias das últimas exposicións que temos feito”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia