Skip to main content

Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos colaborarán para desenvolver un programa de atención integral ao médico enfermo

A Consellería de Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos, órgano que agrupa aos catro colexios provinciais de médicos de Galicia, colaborarán no desenvolvemento dun Programa de Atención ao Médico Enfermo (PAIME). Para afondar máis neste e outros temas relacionados coa profesión médica, o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, mantivo un encontro, no Edificio Administrativo do Sergas, cos representantes provinciais dos Colexios da Coruña (Manuel Iglesias Diz, vicepresidente); Lugo (Sven Gunther Cando, presidente); Ourense (José Luis Doval, presidente), e Pontevedra (Julio González-Babé Ozores, presidente).

O obxectivo do Paime é o de poder axudar ao maior número posible de médicos enfermos para que reciban a asistencia especializada necesaria, favorecendo a súa rehabilitación para que, deste xeito, a práctica da medicina se faga nas mellores condicións posibles e, por conseguinte, se aumente a calidade dos servizos sanitarios.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, Sanidade e os colexios médicos colaborarán na elaboración dun protocolo de actuación xeral así como das actividades asistenciais a desenvolver en aras de que este colectivo reciba a axuda pertinente en caso de enfermidade e, en definitiva, se asegure aos cidadáns que os profesionais sanitarios que os atenden están en perfectas condicións para exercer o seu labor.

Polo tanto, este plan é consecuencia da responsabilidade que o departamento que dirixe José Manuel González Álvarez ten sobre a saúde de toda a poboación galega en xeral e dos profesionais da sanidade que traballan para prestar os seus servizos á cidadanía en particular.

Os servizos que presta o programa son de asistencia sanitaria, de atención social, de soporte legal e de asesoramento laboral.

OUTROS TEMAS DA XUNTANZA

No encontro que mantiveron hoxe os colexios médicos e o conselleiro abordáronse, ademais da implantación do Paime, outros temas de actualidade relacionados coa profesión médica. Entre eles destaca a regulación da carreira profesional do Sergas que vai permitir, tras o acordo ao que chegou a Administración sanitaria galega cos sindicatos no mes de abril, e que marcará o camiño para outras Comunidades Autónomas, que os médicos galegos vexan recoñecido o seu traballo e servizos prestados en forma de catro niveis progresivos cunha retribución específica independente e diferenciada doutros complementos salariais.

No encontro tamén se falou do novo modelo de urxencias extrahospitalarias, tras o acordo ao que chegou o departamento que dirixe González Álvarez coas forzas sindicais, tamén en abril pasado, para a creación de preto de 900 prazas de traballo estable que van supoñer que Galicia se converta na primeira autonomía en contar con persoal propio nos 92 Puntos de Atención Continuada, ademais de contemplar unha suba, en tres anos, do 47%, no que atinxe ás retribucións por gardas.

Por último, González Álvarez e os presidentes dos colexios falaron do persoal médico que presta os seus servizos nas Fundacións Hospitalarias que, tras a sinatura no pasado mes de marzo entre Administración e sindicatos do II Convenio Colectivo para o persoal destes organismos, serán beneficiarios, entre outras melloras laborais, de incrementos retributivos dun 14% para os facultativos especialistas e dun 16% para os facultativos non especialistas. Así mesmo, e referido ao persoal destas institucións, procederase a iniciar, ao longo deste ano, a súa integración no réxime estatutario do Sergas.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)