Skip to main content

Jaime Pita presenta a páxina web das eleccións autonómicas e o teléfono de atención ó elector

O Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Jaime Pita, presentou en San Caetano dúas importantes medidas de apoio ó electorado cara ás eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro 19 de xuño.

As dúas iniciativas, que son o teléfono de información electoral e a páxina web institucional, facilitarán o coñecemento de todos aqueles aspectos esenciais que teñen que ver cas eleccións autonómicas.

Dese xeito, a Xunta de Galicia porá a disposición do cidadán un teléfono de axuda ó elector (902190605), que entrará en funcionamento o vindeiro xoves, día 5 de maio.

Trátase dun teléfono de consulta, a través do que calquera cidadán residente en Galicia ou fora dela, así como no estranxeiro, poderá prantexar cuestións relativas ás normas electorais da Comunidade Autónoma Galega.

As cuestións que poderán prantexar son, por exemplo, onde votar, cómo comprobar a inscrición no censo electoral, cómo votar dende o estranxeiro, cómo votar por correo, cómo se escollen os membros das mesas electorais, qué se require para poder presentar unha candidatura, quén pode ser candidato, cales son os votos válidos, quén pode acceder ós locais electorais ou qué se fai cas papeletas unha vez rematado o escrutinio.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia pretende, unha vez máis, que o cidadán poida obter dunha forma rápida e sinxela información relativa ás eleccións galegas.

O teléfono de axuda ó elector estará operativo de luns a venres, en horario de 9 a 22 horas, e os sábados de 9 a 14 horas.

Polo que respecta á páxina web institucional, ca súa entrada en vigor a Xunta contribúe a que Galicia estea entre as rexións do Estado máis avanzadas na aplicación das novas tecnoloxías na xestión dos procesos electorais.

COÑECEMENTO

A páxina web (eleccionsgalegas2005.xunta.es) ten como finalidade facilitar o coñecemento do proceso electoral autonómico a todos aqueles organismos, entidades ou cidadáns interesados no mesmo. Como se pode observar, estase prescindindo do “www” antes do dominio para simplificar a dirección.

As páxinas desta website residirán en servidores que permitirán un acceso ininterrompido durante as 24 horas do día, os 7 días da semana. Dispúxose dun ancho de banda variable que garante en todo momento a absoluta dispoñibilidade do servizo, podendo soportar unha alta participación de sesións nun mesmo momento de tempo.

A web ten un menú principal que está sempre situado á esquerda da pantalla e que consta dos seguintes elementos: Guía do elector; axenda electoral; candidaturas; campaña institucional de fomento ó voto; xuntas electorais; seccións, mesas e locais; lexislación electoral e eleccións anteriores.

Na Guía do elector os cidadáns atoparán información sobre as regras que rexen todo o proceso electoral na nosa comunidade, os dereitos e deberes dos electores e o xeito de votar, tanto no voto persoal directo como no voto por correo.

Os que votan por primeira vez, encontrarán aquí unha páxina especial introductoria. Os que cambiaron de residencia recentemente, poden informarse neste apartado sobre os problemas que poden afectar as súas circunstancias persoais.

CALENDARIO

A axenda electoral inclúe o calendario electoral así como a relación cronolóxica dos actos máis relevantes neste proceso. Ademais da relación das candidaturas e listas de candidatos de cada unha delas, a campaña institucional de fomento ó voto inclúe información sobre a campaña.

No apartado das xuntas electorais, indícase cal é a composición de cada unha das xuntas que interveñen, cales son as súas funcións e onde se sitúa a súa sede. A información relativa a seccións, meses e locais estará dispoñible na web a partir do día 10 do vindeiro mes de xuño.

Na sección de lexislación electoral ofrécense as materias xurídicas que crean o marco legal deste proceso electoral e no apartado de eleccións anteriores, figuran os resultados obtidos polos diferentes partidos políticos nas eleccións de 2001 e 1997.

Algúns dos contidos non están dispoñibles a causa de que existen uns prazos concretos que veñen regulados pola lexislación electoral actualmente en vigor. A medida que avance o proceso electoral, a páxina irá incorporando a devandita información.

Ademais, a páxina incorpora un apartado de “Novas electorais” no que se recollerán todos aqueles feitos que están relacionados coas eleccións ó Parlamento de Galicia 2005.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia