Skip to main content

Educación investirá preto de 1'4 millóns de euros en mellorar varios centros da comarca

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten previsto investir un total de 1.387.111,8 euros en realizar diversas melloras en varios centros educativos da comarca da Mariña Occidental.

Así o anunciou o conselleiro, Celso Currás Fernández, no transcurso dunha visita que realizou aos concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove, na que aproveitou para coñecer de preto as instalacións dos colexios e comentar coas respectivas comunidades educativas as súas posibles necesidades.

Así, despois de coñecer o solar que o concello de Ourol cedeu á Consellería para poder construír o no CEIP “Vicente Casabella”, para o que Educación destinará uns 680.000 euros, Currás visitou o CEIP de O Vicedo, no que investirá 34.797,78 euros destinados á pavimentación do porche cuberto e da pista polideportiva, a rematar o dobre ventanal e a renovar a sala de caldeiras e a caldeira.

Outra obra importante farase no CEIP “Pedrosa Latas”, de Viveiro, ao que se achegou o conselleiro a continuación. Este centro ampliarase por un importe de 604.868,10 euros. Neste mesmo concello tamén se repararán as fachadas do CEIP de Covas, para o que se destinarán 20.880 euros; instalarase a cortiza nas aulas da Escola de Educación Infantil de San Roque, por 1.566 euros, e arranxarase a cuberta e a pintura do ximnasio do CEIP “Santa Rita”, no que tamén se repararán as pingueiras do comedor e cambiarase a cheminea da cociña, por un importe total de 10.000 euros.

Así mesmo, no concello de Xove tamén se realizarán melloras. Concretamente, pecharase a pista deportiva e renovarase a sala de caldeiras e a caldeira do CEIP “Pedro Caselles”, o que lle custará á Consellería de Educación 35.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia