Skip to main content

Palmou acorda coas centrais sindicais destinar 680.000 euros ao pago dun complemento retributivo autonómico para os funcionarios de Xustiza

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, asinou, cos representantes das organizacións sindicais UXT, CIG, CCOO, CSI-CSIF e SPJ-USO un acordo polo que o departamento que dirixe Xesús Palmou comprométese a destinar máis de 680.000 euros ao pago dun complemento retributivo aos preto de 2.300 funcionarios da Administración de Xustiza que prestan servizo na nosa Comunidade Autónoma.

O titular de Xustiza afirmou que esta addenda “ven a resolver o problema plantexado pola falta de desenvolvemento regulamentario da Lei Orgánica do Poder Xudicial, no que se refire a postos de traballo e retribucións complementarias dos funcionarios da Administración de Xustiza”. O conselleiro explicou que deste xeito se resolve a situación que se lles plantexaría ós funcionarios por esa falta de desenvolvemento ó deixar de percibir un complemento que xa estaba especificado.

VALORACIÓN POSITIVA

Tódalas centrais sindicais con representación na Administración de Xustiza coincidiron en valorar positivamente este acordo. O representante de CC.OO, Angel Garmendia apuntou que “se abre un camiño importante coa sinatura desta addenda que é o da cultura do cumprimento dos acordos”, e engadíu que “é un paso fundamental para que as organizacións sindicais e as administracións teñan un clima de confianza para chegar a acordos que van reverter directamente sobre a mellora do servizo ós cidadáns”.

O documento consensuado hoxe é unha addenda ao acordo asinado en xaneiro de 2004 entre estas mesmas institucións, para acadar unha mellora da atención ao cidadán e do rendemento da prestación do servizo público da Xustiza e fai referencia, concretamente, ás medidas retributivas acordadas en xaneiro de 2004 e ao complemento específico que debe ter asignado cada un dos postos das oficinas xudicias, na relación de postos de traballo elaborada dentro do marco normativo establecido pola Lei Orgánica 19/2003 de modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial.

RETRASO

O retraso por parte do Ministerio de Xustiza do desenvolvemento regulamentario que precisa esta Lei Orgánica, que resulta alleo á vontade das partes asinantes do acordo de xaneiro de 2004, obrigou a que a Consellería, fiel ao seu compromiso de mellora das condicións de traballo e da prestación do servizo público, considerara necesaria a nova redacción consensuada do texto asinado en 2004, naquelo que resulte imprescindible para permitir a aplicación das medidas retributivas acordadas entón.

Polo documento asinado hoxe, preto de 2.300 funcionarios percibirán un “complemento autonómico transitorio” de 125,66 euros ao mes, ata que sexa efectiva a nova relación de postos de traballo. Este complemento queda consolidado ademais como mínimo do futuro complemento específico por funcionario, sen prexuízo doutras cantidades que se poidan negociar polo dito complemento.

Así, o documento asinado permitíu a adaptación na redacción do acordo que fai efectiva a previsión de incrementos retributivos xa pactados pero que, en ningún caso supón, unha nova negociación dos termos do mesmo, que manteñen a súa vixencia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia