Skip to main content

Docentia, salón monográfico da educación superior en Santiago

O primeiro Salón Monográfico da Educación Superior, DOCENTIA, que organiza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, abre as súas portas o 6 de maio e, durante tres xornadas, vaise converter no centro da educación universitaria española ao xuntar, nunha mesma mostra, a universidades, empresas, centros de posgrao e outras entidades vinculadas. O acto de inauguración contará coa presencia de D. Manuel Fraga, Presidente da Xunta de Galicia, amais de D. Celso Currás, Conselleiro de Educación, e os rectores das universidades galegas. O salón, que celebra a súa primeira edición, cubriu tódalas expectativas iniciais ao contar cunha ampla representación das organizacións mencionadas, amais dalgunhas universidades estranxeiras.
Paralelamente á celebración desta mostra, terán lugar diversas reunións oficiais que reunirán en Santiago de Compostela a tódolos Directores Xerais de Universidades das comunidades autónomas de España; aos presidentes e secretarios dos Consellos Sociais das Universidades españolas; aos responsábeis das axencias de calidade do ensino e outras reunións sectoriais e especializadas, con vicerrectores de responsabilidades diversas. Un dos atractivos máis interesantes son as súas actividades complementarias.

Actividades complementarias
Entre as actividades, conferencias e actuacións, pódese destacar a intervención do filósofo José Antonio Marina, o venres, 6, ás 11.00 da mañá, cunha charla sobre “Vidas logradas, vidas fracasadas: unha cuestión educativa. Os retos universitarios e académicos en Europa”.
Na tarde do mesmo venres, ás 21 horas, terá lugar un concerto do grupo MILLADOIRO. Este concerto terá entrada libre, se ben, teranse que retirar as invitacións de balde, no propio Pavillón, o mesmo día do concerto.
Para o sábado cóntase cunha conferencia de José Mª Bermúdez de Castro, Codirector das escavacións de Atapuerca. Unha interesante intervención sobre “A transmisión do coñecemento no ser humano”.
Finalmente, o domingo, o cuarteto de música de cámara GIOCOSO, porá un punto musical á clausura do salón, cun concerto integrado por obras de Mozart, Haendel, Wesley, Aguiar e Abel. Pódese consultar esta información na páxina web: www.docentia.es
Estas actividades, relacionadas co ocio e o coñecemento, veranse complementadas con dous obradoiros para profesores: PowerPoint e Creación de páxinas Web persoais. Ámbolos dous obradoiros cerraron a súa inscrición fai días, debido á extraordinaria demanda xerada polos mesmos.
Esperase unha ampla asistencia de alumnos e pais, na procura de información que facilite a toma de decisións á hora de decidir estudos e lugar de realización dos mesmos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia