Skip to main content

Begano financiará con un millón de euros a Vovo Ocean Race que sairá do Porto de Vigo o 12 de novembro

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, asinou un convenio de colaboración co presidente do Consello de Administración de Begano, mediante o cal a concesionaria de Coca-Cola en Galicia se converte en empresa patrocinadora da Volta ao Mundo a Vela 2005-2006, Volvo Ocean Race, que partirá do porto de Vigo o vindeiro 12 de novembro. No acto tamén participaron a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo e o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

Segundo se establece no acordo asinado, Begano comprométese a achegar un total de un millón de euros para o patrocinio da Volta ao Mundo a Vela e a difundir e promover o evento a través dos distintos medios e soportes utilizados nas súas campañas de publicidade. Pola súa banda, a Fundación Deporte Galego comprométese a que o logotipo de Coca-Cola apareza na páxina web da Volvo Ocean Race, a que se estableza un link entre esta páxina e a de Begano e a garantir a presenza do logotipo de Coca-Cola nos portos de Vigo e de Sanxenxo a través de distintos soportes publicitarios.

IMPLICACIÓN DAS MARCAS COMERCIAIS

Na súa intervención, o titular do Goberno galego considerou “fundamental” a implicación das distintas marcas comerciais que, como Begano, vincularán a súa imaxe á Volvo Ocean Race para proxectar a súa imaxe corporativa.

“O respaldo dunha empresa tan forte coma esta, distribuídora da maior compañía de refrescos do mundo –sinalou Fraga-, incrementa as nosas expectativas porque, á vez que liga a súa imaxe á da saída da Volta ao Mundo, contribúe a proxectar internacionalmente este evento e certifica o seu apoio a un momento que rexistrará tamén o seu nome na historia do deporte galego”.

O presidente da Xunta, felicitou ademais aos dirixentes de Begano por facer esta aposta polo deporte galego, reiterando que se trata “dunha aposta segura”, porque nunca antes Galicia tivera a oportunidade de acoller un dos dez eventos deportivos máis importantes do mundo.

A VALÍA DO DEPORTE GALEGO

Así mesmo, Manuel Fraga referiuse ao valor do deporte, que traspasou os límites da actividade física para converterse “nun feito social”, impulsor da economía, e “motor de ilusións”, e amosouse confiado en que a Volta ao Mundo a Vela se converta en punto de partida para que todos os galegos “sexamos conscientes da valía do noso deporte, das instalacións que quedarán despois de novembro e das moitas potencialidades náuticas que aínda quedan por descubrir”.

“Queremos protagonizar a saída máis espectacular de toda a historia da Volvo Ocean Race”, subliñou o mandatario autonómico, para o que considerou “imprescindible” que todos os galegos sintan como propio o esforzo e a ilusión “coa que estamos a traballar desde a Xunta de Galicia”.

PALABRAS DO TITULAR DO GOBERNO GALEGO NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE BEGANO E A XUNTA DE GALICIA PARA O PATROCINIO DA VOLTA AO MUNDO A VELA 2005-2006, VOLVO OCEAN RACE

- “Queremos protagonizar a saída máis espectacular de toda a historia da Volvo Ocean Race e, para iso, é imprescindible que todos os galegos sintan como propio o esforzo e a ilusión coa que estamos a traballar desde a Xunta de Galicia”.

- “Nesta imprescindible unión de apoios é fundamental a implicación de marcas comerciais que, como Begano, concesionaria da multinacional Coca-Cola en Galicia, vinculan a súa imaxe a este importante evento. Quero, por tanto, agradecer a Begano o seu apoio e felicitalo por ter escollido a saída da Volta ao Mundo para proxectar a súa imaxe corporativa. Estou convencido de que ambas as dúas partes gañarán en prestixio e en proxección internacional”.

- “Con esta mesma enerxía, queremos que a saída da Volvo Ocean Race sexa un punto de partida para que todos os galegos sexamos conscientes da valía do noso deporte, das instalacións que quedarán despois de novembro e das moitas potencialidades náuticas que aínda quedan por descubrir”.

- “O respaldo dunha empresa tan forte como esta, distribuídora da maior compañía de refrescos do mundo, incrementa as nosas expectativas porque, á vez que liga a súa imaxe á da saída da Volta ao Mundo, contribúe a proxectar internacionalmente este evento e certifica o seu apoio a un momento que rexistrará tamén o seu nome na historia do deporte galego”.

- “Quero, por tanto, reiterar o meu agradecemento a Begano e aos seus dirixentes que, coa sinatura deste convenio, se implican directamente na saída da Volta ao Mundo, asegurándolles que a súa aposta é unha aposta segura, porque nunca antes Galicia tivera a oportunidade de acoller un dos dez eventos deportivos máis importantes do mundo”.

SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE BEGANO E A XUNTA DE GALICIA PARA O PATROCINIO DA VOLTA AO MUNDO A VELA 2005-2006, VOLVO OCEAN RACE

ANTECEDENTES:

Con motivo da elección de Galicia como punto de partida, no ano 2005, da Volta ao Mundo a Vela, a Xunta, a través da Fundación Deporte Galego, está a elaborar un proxecto para atraer a atención nacional e internacional sobre Galicia para a promoción dos deportes náuticos.

Pola súa banda, Begano, concesionaria de Coca-Cola en Galicia, está a manter e desenvolver unha importante actividade económica en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega. Por iso, e dado que recoñece a importancia da Volta ao Mundo a Vela, desexa colaborar na rúa realización, promoción e difusión, vinculando a súa actividade comercial e a súa imaxe corporativa á Volvo Ocean Race.

CLÁUSULAS:

Segundo se establece no convenio de colaboración asinado hoxe, Begano adquire a condición de patrocinador da Volta ao Mundo a Vela. Como tal, esta empresa colaborará coa Fundación Deporte Galego na elaboración dun proxecto de comunicación entre ambas as dúas entidades, no que se fixarán e determinarán a tipoloxía e cronoloxía das distintas actividades, as actuacións e as accións de comunicación previstas para a promoción e difusión da imaxe e dos contidos da Volvo Ocean Race.

Deste xeito, a empresa concesionaria de Coca-Cola en Galicia comprométese a achegar un total de un millón de euros para o patrocinio da Volta ao Mundo a Vela, e a difundir e promover o evento a través dos distintos medios e soportes utilizados por Begano nas súas campañas de publicidade.

Pola súa banda, a Fundación Deporte Galego comprométese a que o logotipo de Coca-Cola apareza na páxina web da Volvo Ocean Race e a que se estableza un link entre esta páxina e a de Begano. Así mesmo, o logotipo de Coca-Cola deberá estar presente nos portos de Vigo e de Sanxenxo en distintos soportes publicitarios, como vallas, no solo dos pantaláns, no respaldo posterior dos escenarios da sala de conferencias e da entrega de premios, nas boias marcadoras, en vehículos da organización, en embarcacións, etc.

Por último, os convenios asinados hoxe regulan a concesión a Begano da exclusiva de venda e comercialización de bebidas refrescantes e isotónicas nas instalacións portuarias de Vigo e Sanxenxo e no Village da Volta ao Mundo a Vela, ademais da comercialización e venda de Aquabona.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia