Skip to main content

O presidente da Xunta aposta polo diálogo e a convivencia como base do proxecto da Europa unida

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, apostou polo “diálogo” e a “convivencia” como base para “construír ese ambicioso proxecto que é o da Europa unida”. O titular do Goberno galego fixo estas declaracións nun encontro que mantivo cun grupo de mozos de Rusia, Bielorrusia, Portugal e España que visitaron a sede da Administración autonómica nun intercambio xuvenil, no marco do Programa Xuventude da Comisión Europea. Neste caso, os 40 mozos destes catro países tomarán contacto coa realidade sociolaboral, económica e educativa de España e Portugal, dentro das actividades previstas para este intercambio que se desenvolve baixo o título de A participación cidadá nas democracias europeas. Na recepción tamén participaron a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, e a directora xeral de Xuventude, Loreto San Martín.

O xefe do Executivo autonómico salientou a “utilidade” que ten para o desenvolvemento persoal da xuventude “coñecer outras realidades e ouros puntos de vista” e amosou a vontade do seu Goberno de afondar nestas políticas. Neste sentido, citou o Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007 da Xunta de Galicia, que contempla dentro das súas áreas de “actuación fundamentais” a “mobilidade dos mozos galegos” para o que conta cun orzamento de 37 millóns de euros. Dentro desta iniciativa –explicou Manuel Fraga- “estamos concedendo axudas a mozos para que desenvolvan proxectos de aprendizaxe de idiomas noutros países” e anunciou que a Administración galega continuará a deseñar “medidas de fomento da formación e da participación social dos mozos galegos no marco da Unión Europea e outros países do noso entorno”.

49 PROXECTOS EN 2004

Por outra banda, o máximo mandatario galego lembrou que, ademais, se está a colaborar “permanentemente” no desenvolvemento de iniciativas ao abeiro do Programa Xuventude. Referíndose a 2004, indicou que se aprobaran 49 proxectos nos que participaran preto de 600 mozos galegos e preto de 700 doutras procedencias.

Manuel Fraga subliñou tamén o traballo da Asociación Xuvenil Vrenza, de Teo, encargada de organizar este intercambio. Para o xefe do Executivo galego é “fundamental” apoiar iniciativas coma esta, que teñen como finalidade “fomentar o intercambio de experiencias e o coñecemento doutras realidades a través do diálogo e da convivencia”

Na súa intervención, o presidente galego deulles a benvida a Santiago de Compostela, “unha cidade –aseverou- que simboliza, como poucas no mundo, o punto de unión, de encontro de persoas de diferentes procedencias e culturas” no fin do Camiño de Santiago ao que cualificou como “camiño de entendemento, de concordia, de convivencia e de intercambio cultural”. Así, manifestou que confía en que “esta experiencia sirva para que vos levedes aos vosos lugares de orixe a importancia do intercambio, do diálogo e da colaboración entre diferentes culturas”.

O INTERCAMBIO

Este intercambio para mozos ten como principal finalidade achegar aos mozos da Unión Europea e do seu contorno os sistemas de participación cidadá nas institucións democráticas, como paso previo á adquisición dunha conciencia europea. Conta no seu programa con conferencias e coloquios sobre esta temática, ademais do achegamento á realidade sociolaboral, económica e educativa que realizan da xuventude española e portuguesa nas súas visitas. Esta convivencia tenta eliminar a discriminación e fomentar a igualdade a todos os niveis da sociedade. Entre as súas prioridades, destaca a de permitir aos máis novos expresar libremente o seu sentido da solidariedade en Europa e no mundo.

Dentro das actividades previstas para estes días, os 40 mozos asistirán a relatorios que aborden a realidade europea, a democracia en Rusia e Bielorrusia, a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil; ademais de encontros cos máximos representantes do Parlamento galego, a Xunta de Galicia, o Valedor do Pobo, as autoridades municipais e con membros de asociacións de consumidores e ecoloxistas.

Na súa estancia en Portugal, contarán cunha xornada de convivencia, e tamén tomarán contacto coa realidade municipal, asociacións de mozos e visitarán o Instituto da Xuventude lusa, entre outras actividades.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA RECEPCIÓN AOS PARTICIPANTES NO INTERCAMBIO XUVENIL CON TERCEIROS PAÍSES A PARTICIPACIÓN CIDADÁ NAS DEMOCRACIAS EUROPEAS

-“Quero, en primeiro lugar, darvos a todos a benvida a esta sede do Goberno de Galicia en Santiago de Compostela, cidade que simboliza, como poucas no mundo, un punto de unión, de encontro de persoas de diferentes procedencias e culturas, o fin do Camiño de Santiago, un camiño de entendemento, de concordia, de convivencia e de intercambio cultural”.

- “Iso é precisamente o que que vides facer aquí, convocados por este programa de intercambio, que tan brillantemente está organizando a Asociación Xuvenil Vrenza. A Finalidade deste proxecto é, precisamente, fomentar o intercambio de experiencias e o coñecemento doutras realidades a través do diálogo e a convivencia, de xeito que estes dous aspectos nos axuden a construír ese ambicioso proxecto que é o dunha Europa unida”.

- “Na Xunta de Galicia consideramos fundamental apoiar iniciativas como esta –na que somos anfitrións- e, ao mesmo tempo, establecer mecanismos de apoio para aqueles mozos e asociacións xuvenís que pretenden desenvolver proxectos noutros países”.

-“Estamos, por tanto, colaborando permanentemente no desenvolvemento de iniciativas ao amparo do Programa Xuventude e, concretamente, o pasado ano 2004 aprobáronse 49 proxectos nos que participaron preto de 600 mozos galegos e preto de 700 doutros países”.

- “Ademais, no noso Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007 seguimos mantendo como unha das áreas de actuación fundamentais a mobilidade dos mozos galegos, destinando neses catro anos máis de 37.000 millóns de euros a este fin, pois estamos convencidos da utilidade que ten para a xuventude coñecer outras realidades e outros puntos de vista para o seu desenvolvemento persoal”.

- “Así, por exemplo, estamos concedendo axudas aos mozos para que desenvolvan proxectos de aprendizaxe de idiomas noutros países e seguiremos desenvolvendo medidas de fomento da formación e da participación social dos mozos galegos na Unión Europea e outros países do noso contorno”.

-“En definitiva, confío que estas xornadas se sigan desenvolvendo de xeito positivo e que esta experiencia vos serva para levarvos aos vosos lugares de orixe –Rusia, Bielorrusia e Portugal- a importancia do intercambio, do diálogo e da colaboración entre as diferentes culturas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia